venres, 8 de setembro de 2017

250 ATLETAS PARTICIPARÁN NA XXII CARREIRA POPULAR DO CONCELLO DE ORDES (Fonte: Concello de Ordes)

As probas terán lugar este domingo a partir das 17 horas na alameda da vila, 250 atletas de todas as idades participarán este vindeiro domingo, 10 de setembro na XXII Carreira Popular do Concello de Ordes. As probas terán lugar a partir das 17 horas na alameda de Ordes. Trátase dunha das citas deportivas máis importantes de toda a provincia, na que cada ano se congregan atletas profesionais e afeccionados que deberán completar percorridos que van dende os 500 aos 9500 metros.

A organización ten previstos premios en metálico de 150, 100, 80 e 50 € para os tres primeiros clasificados segundo as categorías individuais, clubs federados e grupos do municipio. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría benxamín, así como para os tres primeiros homes e mulleres das carreiras xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos. Ao podio tamén subirán os tres mellores tempos rexistrados polos atletas censados no municipio na proba absoluta, así como os participantes de maior e menor idade que completen o percorrido.

Para o rexistro e a correcta clasificación dos atletas participantes empregarase o sistema de cronometraxe da FGA. O Concello de Ordes porá á disposición das persoas participantes un servizo de duchas e vestiarios. Quen finalice o percorrido tamén recibirá avituallamento líquido e unha camiseta conmemorativa do evento.
Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración de importantes firmas comerciais da zona. Entre elas destacan Infantilandia, Cola Cao, Carnicería Enrique, Seguros Reale, asesoría Jaime Castro, Pazo Bidueiro, Feiraco, Eroski, Nocilla e froitería A Nova.
Cortes de tráfico
Durante toda a xornada, dende as 8 ata as 22 horas, a avenida Alfonso Senra permanecerá cortada ao tráfico. Ademais tampouco se poderá estacionar na rúa República Arxentina ata a confluencia coa rúa Nova.

Os vehículos con dirección a Santiago de Compostela deberán transitar pola rúa Rosalía de Castro, a rúa Paraíso e a rolda leste para volver enlazar coa estrada nacional. Os que vaian cara á Coruña deberán facelo pola rúa Lagartos para acceder á rolda leste e volver incorporarse á N 550.