sábado, 19 de marzo de 2016

42.195 METROS PARA CORRER Á BEIRA DO MAR (Fonte: www.coruna.es)

Coruña42 contará este ano cun circuíto situado no centro urbano da cidade cunha distancia de 42.195 metros homologada pola Real Federación Española de Atletismo. O trazado, que terá a súa saída ás 08.30 horas no Cantón Grande, percorrerá o litoral da enseada do Orzán, desde o Aquarium até Riazor, para dirixirse cara á zona do porto coruñés, onde as e os atletas correrán á beira do mar entre Oza e Autoridade Portuaria, até volver aos Cantóns. Serán tres voltas en total a este trazado, de 14.000 metros cada unha, as que conformarán o circuíto. Unha vez finalizadas as tres voltas, a cola de meta pasará por Autoridade Portuaria, Avenida da Marina, de Montoto e Porta Real até chegar á meta, situada un ano máis na Praza de María Pita.

Seguindo as normas da Asociación Internacional de de Federacións de Atletismo, instalaranse ao longo do percorrido postos de auga a partir do quilómetro 5 e aproximadamente cada 5.000 metros, e haberá postos de avituallamento sólido a partir do 10 km. Coma en todas as carreiras organizadas polo Servizo Municipal de Deportes, quen desexen empregar un avituallamento propio deberán entregalo á Organización ata unha hora antes da saída da proba, debidamente pechado e marcado co seu número de dorsal e punto quilométrico onde queira atopalo.