O duelo pola vitoria absoluta na multitudinaria Popular Pedestre de San Martiño resolveuse antes de tempo a favor de Hassan Lekhili, que tras unha escapada inicial xunto a Lolo Penas, vencedor do ano pasado, terminou por cruzar a meta en solitario tras o seu claro dominio, imitando o seu anterior cordón na proba, que databa do 2011.
Desde o primeiro momento, os dous grandes favoritos ao triunfo escapáronse dos seus perseguidores e iniciaron a súa particular batalla estratéxica, na que o marroquí residente na cidade das Burgas foi expeditivo co tirón que logrou soltar ao arzuán, para dirixirse en solitario cara á vitoria, mentres que Penas perdía posicións e terminaba por retirarse antes de completar a primeira metade da carreira. Así, o atleta de Ourenrunning impúñase, empregando pouco máis de media hora para percorrer os dez quilómetros fixados no percorrido.
Si repetiu primeiro posto na categoría feminina a gañadora do ano pasado, Solange Pereira, nunha proba que tivo o prólogo dun emotivo minuto de silencio en recordo das vítimas dos atentados de París.