Ribeira xa está lista para albergar, o día 10, a súa primeira proba de medio maratón, que ademais de ter carácter popular, tamén servirá como Campionato de Galicia para as categorías absoluta, júnior, promesa e veteranos, polo que a cita asegura a presenza dos mellores atletas da comunidade.
A carreira, que terá un trazado de 21 quilómetros de lonxitude, iniciarase, ás 10.00 horas, no porto de Aguiño.
Os participantes dirixiranse ao centro urbano da capital barbancesa, e na avenida do Malecón, onde tamén estará instalada a meta, comezará un circuíto urbano de algo máis de sete quilómetros que chegará ata a praia de Coroso, que os corredores terán que percorrer dúas veces.
O alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, explicou onte na presentación do medio maratón que esperan «unha importante presenza de deportistas», ademais de agradecer a colaboración de firmas como Frinsa, que doará unha mostra dos seus produtos e axudará en diversas cuestións, como a cronometraxe. No acto tamén estivo presente Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, quen destacou que a proba «será unha gran festa na que estarán vos mellores atletas e clubs».
Fonte: www.lavozdegalicia.es