A Carreira Camiños das Letras, que se celebrará o día 17 de maio, encara xa a súa quinta edición. Cada ano deu pasos cara á súa consolidación e esta vez confía en superar os oitocentos inscritos do pasado curso.
A proba absoluta, para todos os participantes maiores de idade, discorrerá entre o Pico Sacro e a Cidade da Cultura, sobre un trazado de quince quilómetros que seguirá a Ruta dá Prata do Camiño de Santiago. A saída está fixada para as 10 da mañá.
Para os menores de idade haberá circuítos adaptados a cada categoría no Gaiás, de tres quilómetros para os sub 16 e sub 18, de quilómetro e medio para os sub 14 e sub 12, de setecentos metros para os pequerrechos e de douscentos metros para os pitufos.
Os interesados en inscribirse poden completar o trámite a través da páxina web
www.carreirasgalegas.com ata o vindeiro día 14. Para os adultos ten un custo de dez euros e para os menores de idade é gratuíta.
Libros e diplomas
Todos os deportistas que consigan completar a proba recibirán un libro e un diploma e, no caso dos máis pequenos, tamén unha medalla.
A Carreira Camiño das Letras cumpriu co protocolo da presentación na Cidade da Cultura, nun acto ao que acudiu o padriño da proba, o actor e presentador Roberto Vidal. Cualificouna como « unha iniciativa dun talento tremendo, unha carreira única». Instou os deportistas a que se somen e aos pais dos máis pequenos a que se decidan a inscribilos nas carreiras especialmente deseñadas para eles.
Tamén asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e representantes dos municipios de Boqueixón e Santiago, así como da empresa Xurdir, encargada da organización do evento.
Non puido estar Javier Gómez Noya quen, con todo, animou á participación a través dun vídeo e non descartou a súa presenza o Día das Letras Galegas.