A carreira contra o cancro de Ferrol, unha das máis multitudinarias da tempada, celebrarase o próximo 1 de novembro. A proba, de cinco quilómetros con saída e chegada no Cantón de Molins, pódese completar tanto correndo como camiñando. O percorrido pasa pola Magdalena, Ferrol Vello e Curuxeiras.
A saída de adultos tomarase ás 12 do mediodía e a cota de inscrición é de sete euros e dá dereito a recibir unha camiseta de agasallo.
O programa comezará xa ás dez da mañá, con probas de categorías prebenjamín (300), benxamín (500), alevín (700) e infantil (1.100) que se desenvolverán polo Cantón, a alameda e a avenida de Irmandiños. Neste caso a cota de inscrición é dun euro.
As inscricións poden realizarse de forma presencial na rúa Real 6, primeiro dereita, de luns a xoves de 11 a 13 e de 17 a 19 horas e os venres de 11 a 13, e tamén a través da web carreirasgalegas.com. O prazo para apuntarse finaliza o día 29.
Os beneficios de todo o recadado tras descontar gastos doaranse á Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
Os chips, dorsais e camisetas poden retirarse xa o sábado 31 de outubro en Armas de catro a oito da tarde, ou ben o mesmo día da proba no Cantón antes das 11.30. A organización fixou este ano un premio ao grupo con máis participación, polo que os interesados poden indicar o nome do seu colectivo -un club, un ximnasio, unha agrupación- para así poder optar ao premio.
Tamén se premiará aos corredores ou camiñantes máis veteranos. Entre todos os participantes que depositen o seu dorsal nas caixas habilitadas para iso ao final da carreira sortearase un balón de baloncesto asinado polos exintegrantes do OAR Nate Davis, Miguel Loureiro e o recuperador Rogelio Bermúdez.
A organización conta co patrocinio de Gadis, Viaxes Paco, Gasolineira Ortegal Oil e Centro Comercial Dolce Vita Odeón.