O CorreSan, que un ano máis manterá a súa filosofía, arrinca hoxe en Angrois. O pelotón dos atletas adultos sairá ás nove da noite, cun distancia de 5,21 quilómetros. Antes celebraranse as dúas carreiras de escolares. Ás oito e cuarto empezarán os benxamíns e os alevíns, con dous quilómetros e medio de percorrido. Ás oito e media será a proba dos infantís e dos cadetes, cunha distancia de 1,2 quilómetros. Do mesmo xeito que sucedese nos anos anteriores, un dos obxectivos céntrase en incrementar o número de participantes.
A de Angrois será unha carreira «moi especial», cunha gran carga emotiva. Os veciños puxeron un gran empeño durante os últimos anos para ter esta proba. A de hoxe será a terceira carreira de Angrois. Da primeira á segunda rexistrouse un incremento de douscentos atletas, realizándose tamén un cambio no percorrido. Serán dúas voltas a un circuíto con subidas e baixadas, pero sen unha gran dificultade.
Máis de oitocentos atletas inscribíronse para tomar parte na segunda edición da carreira de Angrois. Víctor Riobó, do Club Atletismo Santiago, foi o vencedor o ano pasado e Vanessa Lafuente impúxose no cadro feminino. Un curso antes, na súa primeira edición, Pedro Nimo e Iván Raña inscribiron o seu nome ao alimón como primeiros gañadores desta cita ao cruzar a liña de meta á vez.
Tras Riobó entraron o pasado ano Rubén Caamaño, do Atletismo Sar, e Amador Pena, do Noitebra, que completaron o podio masculino na categoría absoluta. No cadro feminino, tras Lafuente, do Central Perk, cruzaron a liña de meta Jessica Inés Muiños, do Sampaio da Estrada, e Tina Marie Fernández, do Urban Runners.
CorreSan é un programa de carreiras organizadas pola Federación Galega de Atletismo. Este circuíto entra dentro do labor de concienciación sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida dos cidadáns. Representa unha iniciativa para Santiago que traslada o deporte ata os barrios onde normalmente xa se practican diferentes deportes, en especial o atletismo. O circuíto está aberto a calquera deportista que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico en diferentes contornos da cidade. Nas probas terán cabida atletas de case todas as idades (desde benxamíns ata veteranos) con distancias adaptadas a cada categoría que participe nas carreiras das que consta este circuíto, que integrará un aliciente de motivación como é a competición.