Ás dez desta noite pecharase a inscrición da Carreira Popular de Negreira, que arrincará con máis de 1.500 participantes nas cinco probas que se celebrarán o domingo. A carreira absoluta contará cunha distancia de 10.000 metros. Entre os inscritos figuran Hassan Lekhili, o marroquí afincado en Ourense, e Cristian Muíño, vencedor do circuíto CorreSan, así como o leonés Iván Cánovas. No apartado feminino, destacan a venezolana Joselyn Brea, terceira no 2015 e recente vencedora en Santiago, e Raquel Suárez.
Dentro da participación local, estará o maratoniano Jorge Crespo Arias, campión de España de veteranos en 5.000 metros en pista, que ultima a súa posta a punto para correr a maratón de Valencia, o 20 de novembro. Tampouco faltará á proba de casa Luis Calvo Castro, integrante da selección galega de carreiras de montaña que participa na Copa de España e que na pasada edición foi noveno e segundo galego por detrás do sonense Rubén Caamaño, oitavo no 2015 e que tamén tomará a saída o domingo. Será a partir das 10.30 horas e completaranse dúas voltas a un circuíto de cinco quilómetros.
Os gañadores optan a premios en metálico de 900 euros. Os segundos levarán 550, os terceiros embolsaranse 300 e os cuartos cobrarán 200 euros. Tamén estará aberta a loita polo premio ao mellor equipo (400 euros). O Vagalume de Santiago, o Sar Vermú Petroni, o Atletismo Milladoiro e o Arenteiro terán unha ampla representación de atletas en Negreira.En canto ás probas escolares, o CEIP O Coto negreirés participará con 320 escolares, optando ao premio de 400 euros para o centro escolar máis numeroso. Tampouco faltará a Escola Municipal de Atletismo cunha ducia de corredores para darlle un maior colorido ao evento.