Considerada a proba popular cos mellores tempos de Galicia, a pesar de non tratarse dun circuíto chairo, a Carreira Popular de Negreira encara o seu trixésimo novena edición o domingo 11 de novembro. A Clásica, que é como se coñece a esta proba, cumpriu co protocolo da presentación e pechará inscricións o 7 de novembro. Unha das novidades é a estrea web propia:
www.aclasica.gal
O alcalde negreirés, Jorge Tuñas Caamaño, resaltou o orgullo que supón que a carreira siga sendo un referente non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional: «Cando ves que na recente maratón de Berlín, unha das máis importantes do mundo, a gañadora feminina, Gladys Cherono, foi a vencedora en 2007 en Negreira, daste conta do nivel e a importancia da nosa carreira», sinalou o rexedor, quen animou aos corredores populares a sumarse á gran festa do deporte na rúa.
Ezequiel Mosquera, xerente de Emesports, firma encargada da loxística, destacou o feito de que nesta carreira se rexistren «os mellores tempos de Galicia, porque aquí veñen uns atletas que están a un nivel altísimo», algo que, dixo, resulta «difícil» de ver no resto de probas autonómicas. «Incluso a nivel organización, é das mellores no ránking nacional», subliñou Mosquera, quen tamén quixo significar a parte que non se ve: «Pola súa traxectoria e nivel de corredores, ten moito mérito todo o traballo que hai detrás da organización da clásica».
A décimo cuarta de España
Marcos Pérez, o director técnico, manifestou a súa satisfacción tras os cambios no 2017, habilitando un circuíto homologado de 5.000 metros e a creación dunha proba da devandita distancia, ademais da dos dez quilómetros: «Isto permitiunos subir varios postos no ránking das probas de dez mil metros de España, ata situarnos no posto decimocuarto».
Marcos valorou os servizos que ofrecen aos corredores como un dos seus puntos fortes. A principal novidade desta edición incumbe ás gratificaciones en metálico para os tres mellores atletas da comunidade autónoma nos 10.000 metros, «facéndonos eco da petición dos corredores galegos para que poidan competir por uns premios», dotados con 200, 100 e 50 euros, tanto no cadro masculino como no feminino.
Pola súa banda, o presidente do Club Atletismo Negreira, José Manuel García Estévez, puxo o foco na importancia que ten o evento para os máis novos, «fomentando que tomen parte na carreira e poidan ver a atletas de primeirísimo nivel».
Sylas Mwetich e Koyma Joiline, últimos vencedores
A pasada edición o kenyano Sylas Mwetich conseguiu baixar, por vez primeira na carreira, dos vinte e nove minutos. No cadro feminino o triunfo foi para o seu compatriota Koyma Joiline. O dominio dos atletas africanos nas últimas edicións é abafador. No 2016 os gañadores foron Titus Kipjumba e Kaoutar Boulaid, mentres que en 2015 venceron Michel Bett e Vitalyne Kouaou.