domingo, 5 de xullo de 2015

A CARREIRA NOCTURNA ESTREARÁ A CUARTA EDICIÓN DO CORRESAN (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Un ano máis volve á capital galega o circuíto de carreiras saudables CorreSan, que cumpre o seu cuarto aniversario. Esta edición constará de catro probas que se disputarán nos meses de xullo, agosto, setembro e outubro.

A primeira proba será polo centro histórico de Santiago. Será o 11 de xullo (sábado). Para arrincar esta edición, os organizadores decidiron empezar pola proba nocturna, que sempre ten unha gran afluencia de corredores. As carreiras comezarán ás dez e cuarto da noite nas categorías benxamín (2006-2007) e alevín (2004-2005). A continuación será a quenda para os atletas das categorías infantil (2002-2003) e cadete (2000-2001), cuxa carreira se iniciará ás dez e media da noite. A proba, que pertence ao circuíto de carreiras da Deputación da Coruña, concluirá ás once da noite coa competición dos adultos (nacidos en 1999 e anteriores).

As inscricións poderán realizarse na páxina web www.corresan.com ou de forma presencial no Multiusos Fontes do Sar e no complexo deportivo de Santa Isabel. A organización espera máis de 1.000 participantes nesta primeira carreira do CorreSan, que é un programa de probas atléticas que organiza a Federación Galega de Atletismo e patrocina o Concello de Santiago a través do seu departamento de Deportes. Este circuíto entra dentro do labor de concienciación  sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida dos cidadáns. Cando aínda falta unha semana para o peche da inscrición xa se rexistrou a solicitude de case trescentos atletas para esta carreira nocturna.

A segunda proba do CorreSan deste ano celebrarase o 1 de agosto (sábado). Será en Angrois. A terceira cita está sinalada para o 20 de setembro na Granxa do Xesto cunha cronoescalada ao Monte Pedroso. A cuarta e última carreira celebrarase na Cidade da Cultura, o 10 de outubro. En todas as probas se espera incrementar o número de participantes, pois esa foi a dinámica desde a primeira edición. Cada ano supérase o número de atletas.