xoves, 15 de marzo de 2018

A CARREIRA POPULAR NOCTURNA TORRE DE HÉRCULES DISPUTASE O SÁBADO 31 DE MARZO. ÚLTIMAS DATAS PARA A INSCRICIÓN! (Fonte: www.coruna.gal)

O prazo de inscrición para esta proba popular remata o luns 26 de marzo. As inscricións pódense realizar a través de www.coruna.gal/carreraspopulares

La Carreira Popular Nocturna Torre de Hércules terá lugar o próximo 31 de marzo. Un peche de mes de grande atractivo para calquera participante. A proba absoluta realizarase ás 21.15 horas. A inigualable contorna da Torre de Hércules servirá de escenario para a chegada e a saída desta proba. O percorrido, de 6.675 metros, desenvólvese por parte do Paseo Marítimo. Se o tempo acompaña, a lúa chea completará a foto desta espectacular carreira.

INSCRICIÓNS E DORSAIS
O prazo de inscrición para participar na carreira termina o 26 de marzo ás 24.00 horas. Aquelas persoas que queiran inscribirse na proba deberán facelo a través da web municipal de www.coruna.gal/carreraspopulares. A inscrición é gratuíta en todas as categorías fóra da categoría absoluta, cuxo prezo é de 2 €.

A recollida de dorsais farase na Cidade Deportiva da Torre (Frontón). Pódense recoller os dorsais ata o propio día da carreira, 31 de marzo, desde as 10.00 horas ata unha hora antes do comezo de cada unha das carreiras. É importante lembrar que todos/as os/as atletas deberán inscribirse para esta carreira independentemente de que figuren como participantes no circuíto, e recoller un novo dorsal e chip, excepto as persoas propietarias, ás que soamente se lles entregará un novo dorsal para esta carreira.

UNHA PROBA PARA TODO O MUNDO
A carreira está pensada para o goce de todos, así inclúe diferentes lonxitudes de percorrido en función das diferentes categorías.

A TORRE DE HÉRCULES E A SÚA CONTORNA
Sabías que a Torre de Hércules é o único faro romano que se mantén en funcionamento desde a súa construción? Sabías que pertence á lista de Patrimonio da Humanidade da Unesco desde o ano 2009? Convidámoste a coñecer máis do noso faro na súa web www.torredeherculesacoruna.com. Sen dúbida, achegarse á Torre de Hércules é viaxar ao pasado, é viaxar a mundos mitolóxicos, é viaxar á arte. Unha visita imprescindible.

A contorna da Torre de Hércules é unha extensión percorrida por carreiros sinalizados, limitada por praias e cantís bañados polo océano Atlántico. Este grande espazo natural en plena cidade serve de lugar de lecer para as persoas visitantes, moitas das cales o aproveitan para a práctica do deporte.