sábado, 6 de maio de 2017

A CIDADE HISTÓRICA ACOLLE ESTA NOITE A SANTYAGO 10K (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A SantYago 10K, proba impulsada polo Clube Atletismo Fontes do Sar, repartirá esta noite algo máis de 2.000 euros en premios. Máis de 1.700 atletas inscribíronse na carreira que dará o pistoletazo de saída ás 22 horas fronte á igrexa e o Hotel San Francisco. Por diante terán dez quilómetros, homologados pola federación española, que discorrerán pola zona antiga. A liña de meta estará instalada na Praza do Obradoiro.
Entre eses máis de 1.700 inscritos figuran nomes como os de Lolo Penas (vencedor da primeira edición, hai dous ano), Uxío Abuín, Paula Mayobre ou Ester Navarrete, que parten entre os favoritos a gañar a competición nocturna.

Os vencedores, no cadro masculino e o feminino, recibirán catrocentos euros; os segundos clasificados, douscentos; e os terceiros, cen.
Tamén haberá premios de cen euros nas seguintes categorías: primeiro empadroado en Santiago, nos cadros masculino e feminino, que cruce a liña de meta; club federado e club non federado con máis participantes que consigan completar a proba; club non federado con máis participantes femininas que crucen a liña de meta; e club ou grupo de procedencia máis afastada.
Completan a relación de premios senllas dotacións de cincuenta euros para os participantes masculino e feminino de maior idade.