Tan só quedan unhas horas para que soe o pistoletazo de saída da Sin-Son 10K, a competición de atletismo máis multitudinaria da comarca. Como primeiro prato estará a Feira do Corredor, que arrincará esta mesma tarde na Casa de Cultura sonense. «É o mellor momento para que veñan a recoller o dorsal, estaremos dende as cinco da tarde ata as oito», apuntou o edil de Deportes do Concello de Porto do Son, Manel Deán, quen tamén participará na charla.
Martín Fiz, Pedro Nimo e Paula Mayobre serán os encargados de arrincar cun pequeno acto no que se falará da competición de elite e o coidado do corpo para un deportista de primeiro nivel. Ademais, o respectable poderá comentar cousas cos corredores e facerlle as preguntas que considere oportunas. «A todos os oíntes daráselle uns boletos e sortearanse produtos deportivos de primeiro nivel», recalcou o edil Manel Deán.
O arranque
A entrega de dorsais empezará esta mesma tarde e mañá retomarase a partir das 08.00 horas. Desde a organización piden prema aos corredores, xa que unha vez recollido o número deberán subirse a un autobús que os levará ao peirao de Portosín, onde estará situada a liña de saída da competición. A hora de inicio para a categoría absoluta será as 10.30.
Desde o Concello informaron que a estrada AC-550 estará cortada este domingo desde as 10.00 horas ata as 11.40. Fontes da organización destacaron que o tramo que se pechará ao tráfico rodado é o que une a localidade de Portosín co centro de Porto do Son.