A sexta edición da carreira popular Sin-Son 10K arrincará mañá, a partir das 17.00 horas, coa disputa das probas deseñadas para as categorías escolares, nas que hai 700 nenos inscritos. Despois, ás 20.00, na casa da cultura sonense, onde tamén se poderán retirar dorsais desde as 18.00 horas, celebrarase a Feira do Corredor. Esta cita é un punto de encontro para os deportistas, xa que nela intervirán Pedro Nimo, Iván Raña e o olímpico en vela Iago López. Ademais, tamén falarán o alcalde, Luis Oujo, e o edil de Deportes, José Manuel Deán.
Un acto como este permite aos atletas populares estar preto dos profesionais e preguntarlles todas as dúbidas que teñan. Antes de que iso suceda, os asistentes poderán ver o documental sobre Raña no ironman celebrado fai un par de meses en Hawai.
Por outra banda, os asistentes á Feira do Corredor participarán no sorteo de diferentes agasallos, como material deportivo, estancias en hoteis e ceas. Por suposto, os afeccionados poderán fotografarse con Iago López, Iván Raña e Pedro Nimo, quen tamén asinarán autógrafos a todos aqueles que o desexen.
Recordando os inicios
Na casa da cultura instalarase unha exposición fotográfica, que repasará os cinco anos de historia da Sen-Son. Así mesmo, exhibiranse as camisetas conmemorativas e os trofeos das pasadas edicións. Como curiosidade, instalarase un fotocol cun podio para que todo o mundo poida subirse a el e sentirse vencedor da Sen-Son.
Precisamente, o domingo, cando os corredores pasen a recoller os seus premios, levará a cabo unha homenaxe a dous adestradores galegos: Tito Margaride e Mariano Castiñeiras.
Un gran equipo de voluntarios que resulta imprescindible
Un dos grandes activos da Sin-Son é o amplo equipo de voluntarios que traballa desinteresadamente para que a carreira sexa un éxito. «O seu labor é impresionante. Temos leado a medio pobo», recoñece o director da proba, Luis Otero. Máis de medio centenar de persoas prestarán a súa axuda para que a cita transcorra do mellor xeito posible. Tamén haberá sesenta efectivos de Protección Civil, chegados de toda Galicia, e a Cruz Vermella realizará «o dispositivo máis grande en eventos deportivos en Galicia», apunta Otero.
Por si isto fose pouco, os membros do Club Ciclista Sonense e integrantes da asociación moteira de Noia acompañarán aos atletas.