A I Carreira Camiño das Letras amplía o prazo de inscrición ata o xoves 15 de maio ás 23:59 horas para que todos aqueles atletas ‘rezagados’ que queiran participar nesta proba que une deporte e cultura se poidan apuntar.
Todos os participantes que se inscribiron ata as 14:00 horas do mércores poderán recoller o dorsal no punto de información do centro comercial As Cancelas o xoves 15 e o venres 16 de maio de 10:00 a 20:00 horas ou ben na secretaría da carreira (no pavillón de servizos múltiples situado en fronte do bar do Monte do Gozo) o domingo 18 de maio, entre as 08:30 e as 09:30 horas para a carreira de adultos e ata as 11:30 horas para as carreiras de menores. Os que se inscriban a partir do mércores 14 de maio ás 14:00 horas só poderán recoller o dorsal o día carreira.
Lembrade que a carreira absoluta sairá ás 10:30 horas e que hai servizo de autobús entre a 9:00 e as 10:00 horas dende o Monte do Gozo á saída situada no tramo antigo da N-634 pegada ó aeroporto da Lavacolla. Ademais, contaremos con servizo de gardarroupa na zona de saída, onde se poden depositar as prendas deportivas que logo se recollerán no pavillón 24 do Monte do Gozo dedicado a vestiario e duchas dos atletas. Haberá servizo de avituallamento despois da aldea de Vilamaior, no quilómetro 4 de percorrido, e froita, bebidas isotónicas, auga e barras enerxéticas na liña de meta.
As carreiras das categorías de menores, de alevín, infantil, cadete e xuvenil, comezan ás 12:00 horas no circuíto do Monte do Gozo.
Todos os corredores recibirán como agasallo un libro e o diploma Camiño das Letras, os tres primeiros de cada categoría un lote de libros e á parte os gañadores un trofeo, o club que máis corredores achegue un trofeo mentres que o centro escolar con máis alumnos presentes na carreira recibirá un lote de libros para a biblioteca.
Graciñas a todos os que apoiades esta proba e moita forza para os atletas.