A Carreira Camiño das Letras celebra este ano a súa terceira edición para conmemorar, a través da práctica deportiva e da posta en valor da ruta xacobea, as Letras Galegas, que a Real Academia Galega lle dedica en 2016 ao poeta Manuel María. Promovida por Xurdir S.L co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a nova proba realizarase na capital de Galicia o vindeiro 15 de maio a partir das 10:00 horas, desde A Lavacolla ata o estadio de San Lázaro, polo Camiño de Santiago. O percorrido será de 11 quilómetros.
Esta nova edición dérona a coñecer onte en rolda de prensa os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; acompañados da directora da proba, Carmen Vázquez; do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e do atleta santiagués Pedro Nimo.
Durante a presentación, os representantes da Consellería de Cultura e Educación recordaron o interese desta iniciativa para incorporar á celebración das Letras Galegas a práctica deportiva e a posta en valor do patrimonio cultural.
Para os nenos e nenas, a carreira volverá ofrecer un circuito especial, que se desenvolverá nos arredores do Estadio de San Lázaro, coas categorías de pitufos, prebenxamín-benxamín, alevín-infantil e cadete-xuvenil, a partir das 11:30 h. Todas as persoas que participen na carreira recibirán como agasallo un libro e un diploma.
A inscrición para participar na carreira, que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está aberta a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. A recollida de dorsais será no punto de información da planta baixa do Centro Comercial As Cancelas de Santiago de Compostela, os días 13 e 14 de maio de 11:00 a 20:00 horas) e na secretaría da carreira no estadio de San Lázaro a partir das 09:00.