venres, 10 de xullo de 2015

A III CARREIRA DO VENTORRILLO CELEBRARASE ESTE DOMINGO CON MÁIS DE 2600 PARTICIPANTES (Fonte: www.coruna.es)

Este domingo, 12 de xullo, celebrarase a III Carreira Popular Ventorrillo. É a quinta proba do Circuíto Municipal Coruña Corre, composta na súa totalidade por seis probas. En total, hai 2.325 persoas inscritas no circuito, 790 mulleres e 1.535 homes, e nesta ocasión, de xeito puntual, participarán outras 329 persoas.

A hora de saída da carreira absoluta será ás 10.30 horas da mañá, e os seus participantes percorrerán unha distancia aproximada de 5 quilómetros.

O lugar tanto de saída como de chegada á meta da carreira será a rúa Alcalde Jaime Hervada, no cruce con Alcalde Salorio Suárez. Os dorsais poderán recollerse este sábado 11 de xullo na Asociación de Veciños do Ventorrillo (de 11.00 horas a 13.30 horas, e de 17.00 horas a 20.30 horas), e o domingo 12, no mesmo lugar, de 09.00 horas da mañá, e até unha hora antes de comezar a carreira.

O peche de control da carreira absoluta será ás 11.15 horas e o horario de entrega de premios será ás 12.15 horas deste domingo.