Máis de 2.500 atletas participarán o vindeiro domingo na duodécima edición da Interrunning Concello de Porriño. Un novo récord que xunto á transmisión en directo da mesma por streaming conforman as principais novidades desta proba homologada pola Federación Española de Atletismo. Así o confirmaba onte Fredy Velasco, presidente do Interrunning Club, que co xefe de seguridade da carreira, Luís Martínez, e xunto á alcaldesa Eva García e o concelleiro de Deportes Manuel Carreira presentaron na casa consistorial porriñesa o evento.
As inscricións aumentaron en todas as categorías pero destaca a participación no circuíto de 5 quilómetros. Con todo, a modalidade absoluta dos 10 quilómetros será a máis concorrida, dando comezo ás 11.40 horas. O circuíto consta de 5 quilómetros que transcorren polas rúas do centro urbano. Así os de categoría absoluta realizarán dúas voltas e os outros una. Os primeiros en tomar a saída serán os benjamines, ás 10 horas, aos que seguirán alevíns e infantís. Para o final quedarán os máis pequenos, pitufos (nacidos entre 2011 e 2013) e chupetes (nacidos de 2014 en diante) ás 12.55 e 13.00 horas. E para o que non poida acudir a presenciar a proba existe a posibilidade de seguila en directo desde calquera lugar con acceso a internet ."A través dunha dirección web ou código QR calquera poderá ver unha das citas máis importantes do atletismo rexional e tamén nacional", puntualiza Velasco. Nesta liña, destaca a participación na mesma de profesionais chegados de clubs de toda a xeografía galega e española como son Iván Roade, Alejandro Fernández, David Bustos, Esther Navarrete e Sandra Mosquera.
Por parte do Concello, subliñan a importancia da Interrunning que fai que o nome de Porriño atravese fronteiras, demostrando a forza e o dinamismo deste municipio.
Xesto solidario
Como noutros anos, a Interrunning ten tamén unha faceta solidaria, a de colaborar co banco de alimentos SOS Porriño, para o que pide a todos os participantes, así como a calquera que así o desexe, a achega dun alimento. Preferentemente, este ano, o máis solicitado pola entidade son azucre, aceite, leite e cacao. Neste sentido, a organización quere bater outro récord e mostra o seu desexo de lograr superar as catro toneladas de alimentos conseguidas na pasada edición.