A Concellería de Cultura, Deporte, Educación e Xuventude e a Piscina Municipal de Muros, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, organiza o vindeiro 6 de setembro a IV Carreira Solidaria Piscina Municipal de Muros.
Esta terceira edición da carreira popular e solidaria da Piscina Municipal de Muros contará na proba absoluta cun circuíto de 8000 metros aproximadamente (nas categorías xuvenil, sénior e veteranos) cun perfil semiondulado e con asfalto na súa totalidade con saída e chegada nas inmediacións da piscina municipal e cun percorrido polas principais rúas da vila de Muros. Tamén existirá a posibilidade de participar na andaina que comezará ás 10.00 h cun circuíto de 5.500 m.
A área de deportes do Concello de Muros ten entre os seus obxectivos a universalización da práctica deportiva posto que xoga un papel moi importante na sociedade e actúa de maneira transversal en moitos valores sociais de grande importancia para a mellora da calidade de vida da cidadanía e en especial para acadar a xeneralización do deporte entre os nenos e as nenas.
A Carreira Popular e Solidaria da Piscina Municipal de Muros caracterízase pola numerosa participación e pola solidariedade do evento, xa que se doará parte da recadación acadada á entidade “Cáritas de Muros” e para a que se contará tamén cunha fila cero na piscina municipal. Todas estas actividades posúen un certo trasfondo temático e teñen como obxectivo común a procura dos enormes beneficios que a práctica regular da actividade física pode traer para a saúde da cidadanía.
A inscrición xa está aberta e pode facerse a través da plataforma que a Federación Galega de Atletismo ten na súa web, www.carreirasgalegas.com, e tamén na piscina municipal no seu horario habitual. A carreira contará con diferentes categorías (chupete, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, sénior, veteranos e andaina) e o custo da inscrición será de 5,00 € ata o 25/08/2015 (a partir do 02/09/2015 o custo será de 7,00 €) nas categorías sénior, veteranos e andaina e de 1,00 € nas categorías menores.
O evento conta co patrocinio das marcas Gadis, Cocacola, Espina&Delfín, Galician Marine Aquaculture, Calvo, Ferretería Dosil, Escavacións Yoni Tuñas, Escavacións e Construccións Domingo González, Bar El Muelle, Seguros Rivadulla ou entidades como a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Atletismo así como varias empresas muradás.