domingo, 12 de xuño de 2016

A MEDIA MARATÓN PALAS-MELIDE APROXÍMASE AOS 300 INSCRITOS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A Asociación Deportiva Cerne organiza a cuarta edición da media maratón «Vos 21 do Camiño», proba programada para o sábado 25 de xuño. Trátase dunha carreira que se consolida ano tras ano como referencia nas medias maratóns galegas e españolas cun percorrido envexable dentro da contorna do Camiño de Santiago. Hoxe, haberá unha camiñada popular para familiarizarse co percorrido e adestrar para a proba.

O alcalde palense, Pablo Taboada, e a alcaldesa de Melide, Dalia García, presentaron co presidente da asociación A.D. Cerne e membros da directiva esta cuarta edición. Ambos os rexedores coincidiron na boa saúde que ten esta carreira e a excelente predisposición das dúas administracións locais para incentivar a práctica deportiva e a posta en valor dun percorrido que discorre en maioría pola ruta xacobea no seu paso de Palas de Rei e Melide.

Pola súa banda, os representantes do club presentaron esta proba como unha media maratón «xa consolidada», facendo fincapé nas boas críticas que ten tanto a organización como o percorrido, sendo unha carreira «bonita á vez que con dificultades no seu desenvolvemento».

Nesta ocasión, os integrantes da asociación A. D. Cerne apuntaron a posibilidade de introducir cambios no traxecto ao pretender incrementar os quilómetros que transcorren polo Camiño de Santiago así como a posibilidade de pór en valor todos os produtos típicos de ambos os concellos, queixo e melindres como premio final para os gañadores.

Ademais, os organizadores sinalaron que xa hai inscritos preto de 300 corredores e xa contan con chegar á previsión dos anos anteriores e incluso superar a cifra. Nesta edición achegarase como nos anos anteriores xente de diversos puntos xeográficos tanto de Galicia como de España, así como diversos corredores e corredoras de renome. Na terceira edición de «Vos 21 do Camiño» o número de participantes ascendeu a 631 na proba absoluta.

Hoxe, ás dez da mañá, os afeccionados terán un cita para coñecer o percorrido. Faranse varios grupos con ritmos distintos de carreira para que cada un elixa o que máis lle apetece. Paralelamente realizarase unha camiñada de 14 quilómetros desde o Concello de Palas de Rei ata Melide para todos os corredores que queiran gozar dunha mañá diferente polo Camiño de Santiago.