Xa está todo listo para a terceira edición da MediaSan do Camiño, proba que presentaron en Raxoi Raquel Suárez, Noa Morales e Iván Sanmartín. A carreira, que se celebrará o domingo polo último tramo do Camiño entre Arca-Pedrouzo (O Pino) e a praza do Obradoiro, terá unha distancia de pouco máis de 21 quilómetros. Os atletas partirán ás dez da mañá. A principal novidade centrarase no trazado, que tivo que ser variado lixeiramente polas obras na AP-9. Así, a chegada á zona de Sar, que nas dúas anteriores edicións realizouse pola zona de Viso, nesta ocasión efectuarase por San Lázaro e Fontiñas.
A carreira empezará ás dez en Arca e a previsión é que os primeiros corredores cheguen á praza do Obradoiro sobre as once e cuarto da mañá nunha proba na que se inscribiron 450 atletas. Todos os deportistas que acaben a carreira recibirán un agasallo. Ademais, haberá premios en metálico para os seis primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como na feminina, de 400, 250, 150, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. Os tres mellores clubs recibirán 300, 200 e 100 euros.
Beleza e dureza
Na presentación estiveron a edil de Deportes, Noa Morales ; o delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e a gañadora da proba feminina na pasada edición, Raquel Suárez. Os tres coincidiron en destacar a combinación de beleza e dureza que fai especialmente atractiva a carreira, que intenta converterse nunha referencia do calendario atlético galego e español.
Iván Sanmartín destaca que é unha cita esixente pola súa dureza, algo que se compensa por «o éxito que supón chegar á praza do Obradoiro e pola beleza do percorrido». A atleta Raquel Suárez referiuse á emoción que produce compartir parte do percorrido cos peregrinos que se achegan a Santiago. Sobre a dureza, resalta máis que as subidas as baixadas agresivas.