mércores, 13 de xullo de 2016

A PRIMEIRA PROBA DO CorreSan SERÁ O 30 DE XULLO EN ANGROIS (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O circuíto de carreiras CorreSan, que nesta edición incluirá unha proba polos parques da capital galega, iniciarase o 30 de xullo. Angrois será a primeira cita do curso atlético.

Esta primeira carreira de Angrois mantense no circuíto pola implicación dos veciños que acollen «con moito entusiasmo» a proba, sinalou na presentación celebrada en Raxoi o concelleiro de Deportes, Rafael Peña . Hai dous anos, Pedro Nimo e Iván Raña, dous atletas de alto rango no concerto internacional, inscribiron o seu nome como primeiros gañadores desta cita ao cruzar xuntos a liña de meta. Na pasada edición, o gañador foi Víctor Riobó, do Club Atletismo Santiago, por diante de Rubén Caamaño e Amador Pena. Na proba feminina gañou Vanessa Lafuente, do club Central Perk, que superou a Jessica Inés Muiños e a Tina Marie Fernández.

A segunda carreira deste ano será o 3 de setembro, data na que terá lugar una das probas máis espectaculares do circuíto, o CorreSan nocturno. Nesta edición trasladarase ao mes de setembro para evitar que coincida coas festas do Apóstolo, pois os organizadores comentaron que podería supor un risco para a seguridade dos participantes. Rafael Peña entendeu, ademais, que o cambio de data suporá tamén que «poida haber unha participación máis alta por ser ou mes de setembro unha data na que se volve dás vacacións».

Na pasada edición, Uxío Abuín, triatleta de Lestrove (Dodro), e Raquel Suárez Pedrosa, deportistas compostelá, foron os vencedores nunha carreira na que participaron 1.200 persoas.

O 18 de setembro terá lugar a terceira das carreiras saudables deste CorreSan, que manterá a ruta polo Pedroso desde a parroquia compostelá de Figueiras. A gran novidade deste ano chegará o 15 de outubro, pois a carreira percorrerá os parques da capital galega. O circuíto CorreSan completarase coa proba do 31 de decembro, a clásica San Silvestre. As inscricións para estas probas do CorreSan xa se abrirán mañá para todos os interesados.

Rafael Peña estivo acompañado na presentación do CorreSan polo delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín. O concelleiro destacou que se trata dun circuíto que está «xa asentado» en Santiago despois do éxito dos últimos anos. Recordou tamén que se trata dunha serie de carreiras dirixidas «a todas as idades e formas físicas» e que teñen como obxectivo o fomento do atletismo. Para estas catro probas e para a San Silvestre do último día do ano, espérase incrementar unha vez máis o número de atletas participantes, obxectivo que veu conseguindo en cada unha das edicións que levan celebrado.