A Carreira Popular de San Martiño xa apunta á súa edición de 2015, a que pon a cota dos 39 anos de historia, co eixo central nun fin de semana dedicado ao running, que culminará na matinal do 15 de novembro, coas multitudinarias competicións.
Onte foi presentada a planificación dun certame que arrincou coa cita protocolaria encabezada polo alcalde Jesús Vázquez, rodeado para a ocasión por políticos, colabores, técnicos e os representantes dos patrocinadores privados que lle dan empuxe á clásica de Outono.
Entre os detalles máis destacados, brilla a ampliación do calendario da Feira do Corredor, que este ano se estenderá á mañá do domingo, como un reflexo do ambiente atlético co que se quere impregnar todo o fin de semana, desde a recollida de dorsais, na cal se incorporarán algúns dos obsequios destinados a corredores e público en xeral.
Como xa sucedeu o pasado ano, realizarase ese mesmo día da carreira unha acción solidaria, que consiste na recollida de produtos non perecedoiros, destinados ao Banco de Alimentos. A iniciativa xa serviu para recadar o pasado ano 2.500 quilos de comida, a pesar de que apenas se publicitou nos días previos.
Os responsables desta nova edición tamén recoñeceron a importancia da colaboración da Policía Local, repartida ao longo do percorrido e da Concellería de Voluntariado, que mantén aberta a captación de efectivos tanto no Pavillón dos Remedios como nos locais da praza de San Martiño 2, baixo. O armazón dun dos referentes nacionais do atletismo popular xa está en marcha.
Entre as medidas tomadas para seguir mellorando co paso dos anos o desenvolvemento da carreira, na inminente edición levará a cabo un sistema de caixóns de saída, no cal os organizadores confían en contar co apoio dos propios participantes, aos cales se unirán uns globos identificativos de tempos estimados, co obxectivo de facilitar a colocación adecuada de cada un no multitudinario inicio.
Por outra banda, ademais dos premios habituais, encabezados polos 1.000 euros máis trofeo do gañador e outras recompensas cuantificadas en diñeiro para o resto dos cinco primeiros da xeral e os tres mellores locais, fixáronse tamén dúas compensacións especiais. Trátase dun premio de 500 euros para quen sexa capaz de bater a marca da carreira (32.45 para as mulleres e 28.49 os homes), así como 300 euros para os mellores tempos ao quilómetro 5, sempre que crucen a meta.