martes, 10 de maio de 2016

A SANTYAGO 10KM MANTÉN A INSCRICIÓN BONIFICADA (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

A segunda edición da SantYago 10K non deixa de coller voo. A algo menos de dúas semanas para que se dispute a carreira nocturna que discorrerá pola zona nobre de Compostela, fixada para o sábado 21, son xa máis de 1.500 os inscritos. E a organización optou por manter o prezo bonificado de seis euros (catro para abonados do Multiusos de Sar e Santa Isabel) ata o domingo 15 a media noite, que é a data tope para anotarse. Só se pechará antes dese día en caso de alcanzar os 2.500 atletas, xa que por razóns loxísticas non é posible superar ese limiar.

As bases da carreira prevén unha ampla repartición de premios. Os tres primeiros do cadro masculino e o feminino recibirán, 200, 100 e 50 euros. Haberá un premio especial de 100 euros para o primeiro e a primeira atleta empadroados en Santiago que crucen a liña de meta.

Así mesmo, están previstas gratificaciones de 150 euros para os clubs federado e non federado con máis participantes que completen a proba, para o non federado cunha maior presenza de mulleres na chegada, e para o club que proceda de máis lonxe.

Recibirá cincuenta euros o participante que proceda de máis lonxe, tanto no cadro masculino como no feminino. Os tres primeiros de cada categoría recibirán trofeos e os gañadores, ademais, vales de trinta euros para material deportivo.

Para rematar, quen crucen a liña de meta nos postos 250, 500, 1.000 e 1.500 recibirán un vale para facer unha proba de esforzo.

A primeira edición, disputada fai un ano, foi para o arzuán Lolo Penas, que dominou os dez quilómetros con autoridade e impúxose a David Santos e Christian Díaz. No cadro feminino completaron o podio Ana Domínguez, Alba Baamonde e Nuria Pérez.