Vanse ultimando os detalles da segunda proba do cuarto circuíto de carreiras saudables CorreSan, que se celebrará o 1 de agosto en Angrois. Transcorrerá por tramos da Ruta da Prata, como xa acontecese o ano pasado, primeira vez que que o CorreSan foi a esta zona. A pesar de que o obxectivo principal destas carreiras populares é enganchar á xente ao atletismo e promover os valores saudables do deporte, esta proba en concreto contará cun simbolismo particular, xa que con ela se quere homenaxear ás vítimas do accidente ferroviario de hai dous anos.
A chegada a Angrois da CorreSan 2014 contou xa cun momento especial na categoría absoluta, cando o corredor compostelán Pedro Nimo decidiu esperar ao seu gran amigo, o triatleta Iván Raña, para cruzar xuntos a liña de meta. Iso si, o gañador foi Nimo que completou en pouco máis de 16 minutos os 5,1 quilómetros da carreira popular, na que tamén participou o exalcalde de Santiago, Agustín Hernández. Na proba feminina do curso pasado, a vencedora foi a atleta Paula Sahelices.
No entanto, o trazado da carreira experimentará cambios importantes con respecto á edición anterior, gañando en dinamismo e sendo máis alcanzable para os atletas. Cabe mencionar que este evento deportivo (de carácter non oficial) carece de fins competitivos. De feito, a carreira prima a participación xeneralizada sobre a vitoria final.
O novo percorrido disposto pola organización aínda está pendente do visto e prace da Policía Local, aínda que se espera que se faga oficial de inmediato.
En palabras de Iván Sanmartín, delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, este ano o circuíto «gaña moitísimo, xa que eliminamos unha costa en mal estado e suavízase en gran medida a pendente do circuíto». As distancias das probas serán as seguintes: 1.250 metros para as categorías benxamín e alevín; 2.450 metros para a infantil e a cadete; e en último termo, 5.100 metros para a categoría absoluta.
Os horarios para a carreira tamén está confirmados: a primeira quenda iniciará a proba ás 20.15 horas, a segunda efectuará a saída ás 20.30 e a manga definitiva sairá desde Angrois ás 21 horas.
Nesta segunda edición, o circuíto de Angrois gañará en dinamismo tras os cambios realizados