Entre as actividades programadas para a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia do 3 ao 5 de setembro, atópase a súa competición de atletismo, con gran popularidade nos últimos anos. Deste xeito, o 3 de setembro realizarase a sexta edición da Carreira Popular Abanca Semana Verde de Galicia. Nesta edición farase cumprindo co protocolo Fisicovid- DXT Galego.
A carreira estará organizada pola entidade feiral e a Federación Galega de Atletismo e dará comezo a partir das 19.20 horas. O seu percorrido incluirá de novo unha pequena parte dentro do recinto e o resto en zonas exteriores. Celebrarase en dúas categorías, a Escolar, que inclúe pitufos, sub-10, 12, 14, 16 e 18; e a absoluta, con sub-20, sub-23, sénior, máster A, B C e D.
A inscrición custa cinco euros para a categoría absoluta, sendo gratuíta para a escolar. O prazo para anotarse termina o vindeiro mércores 1 de setembro.