Aínda faltan catro semanas para que o 18 de decembro soe o pistoletazo de saída da Sen-Son 10K. Con todo, o número de inscritos non parou de crecer nos últimos días e xa supera o milleiro de persoas anotadas. En concreto, 1.142 corredores xa confirmaron a súa presenza nunha das probas máis celebradas do calendario autonómico.O motivo principal deste éxito pasa pola calidade da cita, xa que se trata dunha das poucas competicións que se celebrarán na modalidade de liña. O traxecto arrincará en Portosín e terminará no peirao de Porto do Son, polo que percorrerá toda a costa da localidade.
Ademais, nomes propios do mundo do atletismo acudirán a esta edición. O último en confirmalo foi o ex olímpico e premio Príncipe de Asturias Martín Fiz. A organización espera que os atletas galegos máis destacados tamén visiten a zona para disputar a carreira.