O alcalde de Porriño, Nelson Santos, e o concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, acompañados por David Ferreira e Luís Martínez, membros da organización, presentaron esta mañá a novena edición desta carreira popular que se celebrará o día 15 de marzo nas rúas do centro de Porriño.
A edición deste ano conta ademais cun importante aliciente, ao contar o circuíto coa homologación da Real Federación Española de Atletismo, o que permitirá aos atletas oficializar as súas marcas
A inscripción para participar na novena edición da Interrunning 2015 - Concello do Porriño continúa aberta ata o vindeiro martes 10 de marzo ás 23:59 horas, podendo formalizarse a través da
páxina ou de xeito presencial nas tendas de Interesport Piñeiro en Porriño, Vigo ou Pontevedra
Porriño, 6 de marzo de 2015- Por noveno ano consecutivo, as rúas do centro de Porriño acollerán un dos eventos deportivos estrela do noso municipio, a carreira popular Interrunning 2015- Concello do Porriño. Será o vindeiro domingo, 15 de marzo, a partir das 10.30 horas cando de comezo esta proba que, habéndose convertido nun referente no calendario do atletismo galego, convocará a miles de deportistas profesionais e afeccionados chegados desde todos os puntos da xeografía galega e que nesta edición conta cunha importante colaboración do Concello de Porriño.
"Un ano máis Porriño recibirá a miles de persoas entre deportistas, acompañantes e os moitos que se achegan ao noso municipio a gozar da que xa é unha cita ineludible do atletismo galego", explicou o alcalde, Nelson Santos, durante a presentación desta mañá na Casa Consistorial, acompañado polo concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, David Ferreira, membro da organización e Luís Martínez, responsable da seguridade da proba.
E é que aínda que o prazo de inscripción non finalice ata o vindeiro martes, "a día de hoxe supéranse os 1000 inscritos, o cal lévanos a pensar que pasaremos os 2000 participantes", subliñou David Ferreira.
"Con este volume de participación unha correcta organización e seguridade é esencial ", comentou Luís Martínez, "todo un equipo de voluntarios, Policía Local e Protección Civil coordinarán esforzos para que a proba se desenvolva con normalidad".
A recente homologación do circuíto por parte da Real Federación Española de Atletismo supón un paso máis na consolidación desta proba a nivel galego respondendo á petición de moitos dos participantes que solicitaban o seu oficialización, ao ser a de Porriño unha das carreiras máis rápidas por dispoñer das características óptimas de trazado para conseguir unha boa marca. "A homologación este circuíto urbano abrirá a Porriño a posibilidade de albergar nun futuro campionatos autonómicos e nacionais de atletismo", explicou M. Alejandro Lorenzo, "unha nova aposta polo deporte desde o Concello, que coa inestimable colabaroción de persoas como os organizadores da Interrunning, consegue que Porriño poida ser sé de eventos deportivos de diferentes modalidades".
O rexedor, non quixo finalizar o acto de presentación sen agradecer públicamente o labor "aos organizadores deste evento, que ano tras ano traballan duro para conseguir que o día que se celebra esta proba, o noso municipio sexa a capital do atletismo galego, e ao concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, que co seu esforzo fai que Porriño sexa indiscutiblemente o Concello do Deporte". E concluíu, animando a todo o mundo a compartir un día "importante para o noso municipio, no que miles de persoas achegaranse a Porriño a gozar dunha xornada de deporte".
11 categorías que abarcan todas as franxas de idade
A saída e a meta instalaranse no mesmo punto, na rúa Domingo Bueno fronte ao Centro Cultural Municipal. Realizaranse once clasificacións atendendo a cada unha delas ás categorías que abarcan todas as franxas de idade, dos máis pequenos aos máis veteranos, en base ás cales estableceranse diferentes circuítos. O primeiro deles, de 100 metros é para a categoría Pitufos, os máis pequenos, disputándose a súa carreira en último lugar, ás 12:55 horas. Os benjamines serán os primeiros en saír, ás 10:30 horas, realizando un circuíto de 800 metros, seguidos polos alevines ás 11:45 horas, que deberán completar os 1.500 metros. Continuarán os grupos infantil e cadete ás 11:00 horas cun percorrido de 3 km. Finalmente, ás 11:40 horas dará comezo a carreira absoluta. Nela, as categorías xuvenil, junior, promesa, senior, veteranos e superveteranos deberán completar dúas voltas ao circuíto de 5 km, nunha proba cuxo tempo máximo estimado é de 1 hora e 20 minutos.
O percorrido estará debidamente sinalizado e a entrega de premios está prevista para a 13:00 horas na rúa Domingo Bueno.
Máis información en www.interrunning.com