A décimo quinta edición da Carreira Nocturna de Vilagarcía encherá hoxe a localidade de corredores. Un total de 241 participantes tomarán parte na categoría absoluta que arrincará ás 22.30 horas desde a Avenida da Mariña para completar unha distancia de 10.000 metros.
O concelleiro de Deportes, Argimiro Serén, acompañado do director deportivo da Fundación Juan Miguel Doval, e Alberto Rey, speaker da proba, presidiu a presentación dun evento no que participarán corredores nados desde 2012 e anteriores repartidos nas diferentes categorías.
As saídas, empezando polos máis pequenos que percorrerán 100 metros, comezarán a realizarse a partir das 21.00 horas. En intervalos de quince minutos iranse sucedendo as categorías co consecuente aumento das distancias para percorrer ata chegar á saída absoluta que tivo que pechar a súa inscrición moito antes do previsto. Serén puntualizou nesta liña que "os nenos poden apuntarse ata media hora antes do inicio da proba".
Tamén se agradeceu a colaboración do Club Atenas Running de Vilagarcía no asesoramento técnico dunha carreira que entra no calendario da Federación Galega de Atletismo.
Haberá trofeos aos tres primeiros clasificados masculinos e femininos en cada franxa de idade e tamén se premiará aos menores atletas locais e ao máis veterano en participar.
Para o perfecto desenvolvemento da proba haberá cortes de tráfico e redución de aparcadoiros.