Centos de persoas participaron esta mañá na decimo quinta edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, que este ano celebrouse nos arredores do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Un ano máis superouse o número de participantes respecto á edición anterior e nesta ocasión alcanzáronse as 1.400 persoas, afeccionadas e deportistas, unha cifra que é o récord de participación en toda a historia desta proba deportiva. Aos deportistas hai que sumarlle os centos de persoas que asistiron como público a esta consolidada cita do atletismo. Este ano, os gañadores absolutos da proba foron Abdelkader Bouguerrougj e Marinela Mayo Caamaño. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, e o alcalde do Concello de Santiago, Agustín Hernández, cortaron a cinta inaugural coa que se daba comezo á décimo quinta edición desta proba e tamén participaron na carreira.
Unha das novidades deste ano foi o aumento da distancia na proba absoluta, pasando dos 8.000 aos 10.170 metros, que transcorreron integramente por superficie asfaltada. Esta competición iniciouse ás 10:45 horas e nela participaron preto de 500 atletas. Nesta proba participaron os atletas das categorías xuvenil-júnior, sénior e veteranos, é dicir, os nacidos no ano 1998 e anteriores. Todos estes deportistas tiveron que percorrer un itinerario que saíu do núcleo urbano de Bertamiráns cara ao lugar de Covas, e a continuación, estendeuse ata a aldea de Capeáns. Xa na rúa da Rosaleda, os corredores dirixíronse cara a Avenida da Maía, para chegar posteriormente ao paseo fluvial. De seguido, tiveron que ir polo vieiro próximo a Ortoño (Punxeiras Altas) ata chegar a Sisalde. O retorno realizárono pola mesma vía secundaria ata chegar novamente ao paseo fluvial antes de finalizar no Pazo da Peregrina.
Ás 12:00 horas, tras a competición absoluta, realizáronse as probas da categoría pitufo (nados no ano 2010 e posteriores), que correron unha distancia de 200 metros. A esta seguíronlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís (2.000 metros) e cadetes (2.800 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 2000 e 2009. Estas probas reuniron a máis de 900 participantes, feito que indica o bo traballo que se está a facer desde a base do deporte no concello. En todas as probas, os puntos de saída e chegada estiveron instalados nos arredores do Pazo da Peregrina, na Avenida de José Luis Azcárraga.
Gañadores/as por categoría
Este ano os gañadores absolutos da carreira foron Abdelkader Bouguerrougj na categoría masculina e Marinela Mayo Caamaño na feminina. No segundo posto na categoría masculina quedou Ernesto Buceta e terceiro foi Juan Pablo Fernández, mentres que na categoría feminina, María Mareque foi segunda e Carolina Lara Buig quedou terceira.
Por outra banda, na categoría promesa-sénior os gañadores foron Cristian Muíños Varela e Shaila M. Muñiz Pérez; na categoría xuvenil-júnior os gañadores foron Anxo Lema Saavedra e Nuria Rodríguez Gómez. En canto ás categorías de veteranos, os vencedores foron Ángel Maceiras Lago (veteranos 1), José Suárez Leis (veteranos 2), Ramiro Pérez Pereira (veteranos 3), Raquel Armesto Pinedo (veteranas 4) e Marina Fernández (veteranas 5).
Cómpre destacar que este ano tamén houbo premios para os tres mellores atletas amienses que participaron na proba absoluta. Deste xeito, os primeiro clasificados foron Juan Pablo Fernández e Marinela Mayo Caamaño, na segunda posición quedaron Alberto Carril e María Mareque, e terceiros foron Nemesio Fernández e Shaila M. Muñiz Pérez.
Por último, nas categorías escolares os gañadores foron Sergio Prieto Pazos e Sonia Rivadulla Blanco (benxamín); Daniel Mato Gómez e Degnesh María Mato Gómez (alevín); Diego Alonso Campo e Claudia Fernández Couto (infantil); Pablo Monteagudo Pérez e Claudia Blanco Olivares (cadete).
Premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría
Unha vez rematadas todas as carreiras procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado nos exteriores do Pazo da Peregrina. O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e varios representantes das empresas colaboradoras na XV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, entregáronlle os premios aos tres primeiros clasificados de cada categoría agás nos grupos de prebenxamíns e pitufos nos que todos os participantes levaron unha medalla conmemorativa.
Este ano as persoas empadroadas no Concello de Ames que acadaron os tres mellores resultados na proba absoluta tamén recibiron un trofeo. Ademais dos premios houbo tamén un sorteo de varios agasallos. Paralelamente a XV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames, disputouse a penúltima proba do II Circuíto de Carreiras Populares da Deputación de A Coruña, que rematará o 9 de novembro en Negreira e no que tamén se entregarán galardóns.