mércores, 15 de xullo de 2015

ABDELAZIZ FATHI E SOFÍA FERNÁNDEZ GAÑAN A III CARREIRA POPULAR DO VENTORRILLO (Fonte: www.coruna.es)

A quinta proba do Circuíto Coruña Corre celebrouse o pasado domingo, día 12. Sofía Fernández despuntou como gañadora na categoría absoluta feminina e Abdelaziz Fathi na masculina.

A chegada do verán vén acompañada pola recta final do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre. Centos de deportistas da cidade, de todas as idades, botáronse á rúa o pasado domingo para celebrar III Carreira Popular do Ventorrillo.

Ás 10.30 horas da mañá partiu da rúa Alcalde Ángel Hervada o grupo. Por diante, un percorrido de cinco quilómetros e dous obxectivos: gozar da proba e chegar co seu mellor tempo á última carreira do Circuíto, que terá lugar o 9 de agosto. Cun tempo de 17 minutos e 12 segundos, Abdelaziz Fathi proclamouse gañador absoluto da mesma, seguido de Manuel Ángel Pereira e Javier Seoane. Pola súa banda, a deportista Sofía Fernández foi a primeira muller en chegar a meta, con 20 minutos e 30 segundos de tempo e adiantándose desta maneira a Berta Pan e Noemí Moral.

Jorge Sieira e Alexandra Mira triunfaron nas categorías xuvenil cadete, como fixeron Iago Jopia e Marta Vilas na infantís, ou Sergio Soto e Salma Barros nas alevíns. En benxamíns chegaron antes que ninguén á meta Diego Rodríguez e Susi Amor.

A próxima e última carreira do Circuíto Popular terá lugar o 9 de agosto en Oza. Mentres chega a data, unha vez máis os fotógrafos da organización volveron captar o esforzo dos corredores para que poidas botar unha ollada ás galerías de fotos da proba desde domingo.