A presenza do alxerino Abdelkader Bouguerroudj dará un plus á segunda edición do a Carreira Nocturna Solidaria De 2 en Dous, que prepara o club Atletismo Carballo para o próximo día 9 de abril.
Onte foi presentada a proba no Concello de Carballo coa presenza da presidenta do Atletismo Carballo, Asunción Vázquez, e o directivo José Ramón Ríos; o alcalde, Evencio Ferrero e o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo. Todos destacaron a nova competición e o seu carácter nocturno e solidario.
Ríos explicou a parte deportiva, coas novidades e categorías, e Vázquez destacou a colaboración que reciben e o «espírito» co que se organiza unha competición na que o recadado por corredor, un quilo ou un litro de alimentos non perecedoiros, será para Caritas e a Cruz Vermella.
Tanto Evencio Ferrero como Marcos Trigo animaron a seguir nesa liña a unha entidade con pouco tempo de vida, pero con moito traballo realizado ata o momento.
O prazo de inscrición está aberto nas páxinas www.carreirasgalegas.com ou en www.carballo.gal. É unha carreira oficial da Federación Galega de Atletismo. As anotacións pecharanse unha semana antes da proba e terá un máximo de 300 parellas admitidas. Na primeira edición competiron 199 e concluíron os 5.000 metros 129 na máxima categoría. Foi presenciada por moito público, algo que os organizadores esperan que se volve repetir.
Carreira Solidaria De 2 en Dous