Gran resposta e excelente nivel o exhibido polos atletas na segunda edición da Carreira Pedestre Concello de Ponteceso, que figura no circuíto da Deputación Provincial. Presaxiábase un duelo entre o marroquí Aziz Fathi e o alxerino Abdelkader Bouguerroudj, e os prognósticos non fallaron. Aínda que a primeira parte da proba os dous favoritos estiveron acompañados polos coruñeses Javier Tourís e Ramón Serantes, respectivamente.
Os participantes saíron cun forte ritmo. A hora era boa para trotar, aínda que logo se deixaría sentir a calor. Tomaron a saída na proba reina de 10 quilómetros 170 atletas dos 224 inscritos. En total, acudiron á cita 227 dos 310 anotados durante os últimos días. Tamén se deixou sentir moito o público que animaba ao pase dos deportistas.
Fathi e Abdelkader asumiron o mando en diferentes momentos da etapa. Cando todo presaxiaba que ambos os deportistas disputarían o título nun final similar ao ocorrido en Carballo, na última subida, das que tiña o traxecto, en Tella, Fathi detívose. Unha molestia física deu uns metros a Abdelkader, que aproveitou para dar maior ritmo de subida e así asegurarse a primeira posición. Fathi intentouno no descenso antes de acometer o último tramo, o do paseo marítimo, pero foi en balde.
Si na categoría masculina, a dúbida decidiuse na parte final, na feminina, a pontecesana Priscila Suárez foi de menos a máis e puido superar á carballesa Vanessa Lafuente, que, como é habitual nela, saíu moi forte no primeiro quilómetro.
Na carreira de Zas estiveron, na de Ponteceso volveron de novo. O matrimonio formado por Julio César Gómez Martín (Madrid) e Sonia Fernández Álvarez (Castroverde-Lugo) correu coa súa filla Iria, de 3 anos. No traxecto recibiron os aplausos dos afeccionados, pois xa empezan a ser coñecidos cando están de vacacións en Corme.