xoves, 11 de xuño de 2015

ABERTA A INSCRICIÓN PARA A VIII BAIXADA POPULAR DE CROSS DE SAN PEDRO DE VISMA (Fonte: www.coruna.es)

O vindeiro domingo 28 celébrase unha das probas máis singulares do circuíto xa que combina o asfalto con zonas de terra. Os inscritos ao circuíto poden confirmar a súa asistencia á carreira e participar así no sorteo de Solorunners. Así mesmo, é posible a inscrición de forma illada a esta cita.

Tralo paréntese primaveral do III Circuíto Coruña Corre pola celebración do Media Maratón Coruña21 e a Maratón Atlántica Coruña42, os pasados meses de febreiro e abril respectivamente, continuamos co circuíto coa disputa da VIII Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma o próximo 28 de xuño.

Trátase unha carreira con 2 Km de asfalto e o resto campo a través que discorrerá polo Parque de Bens. O percorrido ten como punto de saída e chegada o centro cívico do barrio, pero a distancia variará en función da idade dos atletas, desde o 6.490 m para os competidores adultos, que darán unha volta ao parque de Bens, ata o 150 m que terán que percorrer os corredores menores de 7 anos, da categoría “pitufos”.

A carreira dará comezo ás 10:30 h coa categoría absoluta, ás 10:35 h darase a saída ás categorías xuvenil e cadete, para finalizar cos infantís, alevíns, benxamíns e pitufos, que irán tomando a saída sucesivamente coa distancia adaptada a cada unha delas.

Ademais dos corredores inscritos inicialmente ao Circuíto, tamén poderán sumarse á cita todos aqueles que desexen participar nesta carreira. Para iso poderán facelo a través da plataforma na web, aboando un custo de inscrición de 3 € aqueles que sexan posuidores de chip amarelo, mentres que o resto deberán sumar 2 € máis en concepto de aluguer de chip. No caso dos inscritos no circuíto rógase utilicen o proceso de confirmación de participación, na web.

Os dorsais poderanse recoller, o sábado no Centro Cívico de San Pedro de Visma, en horario de 11 a 13.30 h e de 17 a 20.30 h e o domingo, nas zonas habilitadas para o efecto no lugar de saída, ata 1 h antes do inicio de cada carreira.

Unha vez finalizadas as carreiras realizarase a entrega de premios ás 12.45 h.

A próxima carreira do III Circuíto Coruña Corre, terá lugar o 12 de xullo no barrio do Ventorrillo, coa celebración da súa terceira edición, para concluír o 9 de agosto coa IV Carreira Popular Volta a Oza.