A organización da Carreira Popular 10K Concello de Carballo abriu o prazo de inscrición para competir na sexta edición, que terá lugar o día 19 de xuño polas rúas da localidade.
Como en edicións anteriores, as inscricións serán gratuítas. O número máximo de atletas permitidos será de 1.800, dos que 1.200 son para os 10K, e os 600 restantes para as demais categorías, desde biberón ata xuvenil.
Na pasada edición, os organizadores recordan que foron 1.699 os participantes, dos que 826 competiron na máxima categoría, a dos 10 quilómetros.
O circuíto será o mesmo que o da pasada edición, homologado pola federación. A marca da proba osténtao o marroquí Abdelaziz Fathi, do Club Atletismo Sada, despois dunha gran final co alxerino Abdelkader Bouguerroudj, cun tempo de 32 minutos e 48 segundos. Na categoría feminina, a carballesa Vanessa Lafuente foi a mellor, ao investir 40 minutos e 6 segundos para imporse na cita do 2015.
Desde a organización tamén manifestaron o seu apoio á atleta carballesa tras o seu grave accidente de tráfico: «Manifestamos o nos desexo de que se recupere satisfactoriamente do accidente sufrido cando se desprazaba a unha competición deportiva na Coruña».