mércores, 26 de outubro de 2016

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN DO CIRCUÍTO DE CARREIRAS POPULARES CORUÑACORRE, QUE COMENZARÁ O PRÓXIMO 6 DE NOVEMBRO (Fonte: www.coruna.es)

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, área que dirixe o edil José Manuel Sande, vén de abrir o prazo de inscrición para participar na V edición do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre. A serie de sete probas, que comezará o próximo 6 de novembro, percorrerá os barrios de Novo Mesoiro, Os Rosales, Matogrande, San Pedro de Visma, Oza, Ventorrillo e a contorna da Torre de Hércules, e manterá os prezos de inscrición e bonificacións para distintos colectivos do ano pasado. O concelleiro destaca a aposta do Goberno local por unha cita que promove a actividade deportiva "de carácter popular, desde unha perspectiva saudable e adaptada a todos os públicos". "Este Circuíto promove o divertimento e integración, así como a exploración de diversos espazos e zonas na cidade, a través do deporte", expón o edil, que salienta a "consolidación" da carreira de Matogrande, a proba posta en marcha polo executivo coruñés en xaneiro de 2016 e que nesta tempada celebrará a súa segunda edición.

Así, a primeira carreira terá lugar o próximo 6 de novembro no barrio de Novo Mesoiro, e a serie continuará o 4 de decembro nos Rosales. A primeira proba de 2017 terá lugar o día 15 de xaneiro en Matogrande, e xa en abril, o sábado día 1, terá lugar a nocturna da Torre de Hércules. O circuíto volverá no mes de xuño, coa Cross San Pedro de Visma o día 25 e, tras o parón estival, Coruña Corre pechará a quinta edición coas probas de Oza, o 10 de setembro, e do Ventorillo, que terá lugar o 24 de setembro.A inscrición tanto para participar no V Circuíto Corruña Corre como na proba de Novo Mesoiro do día 6 pode facerse desde hoxe --e ata o día 2 de novembro no caso da primeira carreira-- na web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares. Como o ano pasado, o prazo para solicitar a participación no Coruña Corre completo poderá facerse ata a data de peche de inscricións da segunda proba, a dos Rosales. Nesta edición,  o Concello manterá os prezos do ano pasado: 10€ para o público xeral de máis de 18 anos, gratuíto para menores de idade e 7€ para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove. Este colectivo tamén obterá descontos na cota de inscrición para cada unha das distintas carreiras, que será 1€, mentres que o prezo para as e os demais corredores que non estén inscritos no circuíto será 2€ (agás as e os menores de idade).

Para participar nas carreiras e obter un dorsal será necesario inscribirse en cada unha das probas.  O que non será necesario para correr no Circuíto, pero si para puntuar no sistema de cronometraxe e figurar nas clasificacións, será o uso do chip. As e os corredores que non dispoñan do mesmo poderán adquirilo por 12€ ao inicio da serie e, ao devolvelo ao remate da mesma, recibirán 6€. Este ano, como novidade, poderá adquiridse un chip de uso exclusivo para cada unha das probas por un prezo de 2€, agás para o colectivo con bonificación, que aboarán 1€.

Toda a información sobre as categorías, sistema de clasificación e premios está dispoñible no regulamento do Circuíto, que pode consultarse no web www.coruna.gal/carreiraspopulares