xoves, 5 de abril de 2018

ABERTO O PRAZO EXTRAORDINARIO DE INSCRICIÓN NO MARATÓN CORUÑA 42 E CARREIRA POPULAR 10K (Fonte: www.coruna.gal)

Cada vez queda menos para o Maratón Atlántica Coruña42 e para a carreira popular 10K. O domingo 15 de abril, as rúas da Coruña encheranse de deportistas con moitas ganas de probarse. Como xa lembraramos en anteriores publicacións, o prazo de inscrición ordinario de ambas as probas finalizaba o pasado domingo 1 de abril.

Con todo, aquelas persoas que non puidesen inscribirse por calquera motivo alleo á organización da carreira, poderán facelo agora ata o 8 de abril ás 23:59 horas, data ata a que se estende o prazo extraordinario de inscrición.

A inscrición formalízase polas canles habituais cun incremento do prezo de 15 € no caso do Maratón C42. Así, o custo de inscrición nesta proba ascende a 40 €. Para as persoas que queiran participar na carreira popular 10K, o prezo pasa de 5 € a 15 €. A carreira popular 10K é pensada para aquelas persoas que aínda non están preparadas para unha proba tan esixente como un Maratón. O percorrido da 10K está deseñado para que eses corredores e corredoras poidan mellorar os seus tempos nunha distancia menos dura.

No enderezo coruna.gal/carreraspopulares/es está dispoñible toda a información sobre ambas as probas: inscrición, categorías, regulamento, normativa, entrega de premios, avituallamento... todo. Se vas participar no Maratón Coruña 42 preme aquí e se vas correr na carreira popular 10K e necesitas consultar información, preme aquí.