luns, 5 de setembro de 2016

ACENTO COMPOSTELÁN NO CORRESAN (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Máis de novecentos deportistas participaron nunha nova edición da carreira nocturna do CorreSan, na que non houbo sorpresas. Os dous grandes favoritos, Pedro Nimo e Raquel Suárez Pedrosa, cruzaron a meta en primeiro lugar na proba absoluta.

Na categoría masculina, o santiagués percorreu os cinco quilómetros e medio en 17 minutos e 51 segundos. Venceu con autoridade, aínda que non puido mellorar a marca que establecera na pasada edición Uxío Abuín (17.30).

Nimo avantaxou en 17 segundos (18.08) a Cristian Muíño, de Corisanto. A terceira praza foi para o tamén compostelán Amador Pena, cun segundo máis que o segundo clasificado (18.09). En cuarto lugar cruzou a liña de meta Miguel Penedo, de Rois, con 18 minutos e 16 segundos. O quinto foi Luis Miguel Antelo, de Vimianzo, con 18.39.

Non só Pedro Nimo puxo acento compostelán ao CorreSan. Na competición feminina, a santiaguesa Raquel Suárez Pedrosa superou con claridade a todas as súas opoñentes e entrou na praza do Obradoiro cun tempo de 21 minutos e 31 segundos. Cincuenta segundos despois (22.21) chegou á meta a súa nai, Esther Pedrosa. A terceira praza foi para Lara Buig, de Boiro, cun crono de 23.00. En cuarto lugar quedou Noemí Moral, de Oleiros, con 23 minutos e 24 segundos. A quinta posición foi para Teresa Carneiro, cun tempo de 23.26.

Os escolares

Antes da carreira absoluta, os escolares tamén fixeron gozar coa súa enerxía ao numeroso público asistente. Uns trescentos nenos e nenas, repartidos en varias categorías, pelexaron pola vitoria final nas dúas distancias que para eles e elas estableceu a organización, de 1,1 e 2,5 quilómetros para benxamíns, alevíns, infantís e cadetes.


Fonte: www.lavozdegalicia.es