luns, 19 de xuño de 2017

ALBERTO CASTIÑEIRA, NOVO VENCEDOR DA CARREIRA POPULAR 10KM CARBALLO (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

O cullerdense Alberto Castiñeira Figueroa, do Club Tríatlon Arteixo, conseguiu estrearse na VII Carreira Popular 10K Concello de Carballo.

O vencedor absoluto soubo aguantar a intensa calor que padeceron os 798 atletas que tomaron a saída na Gran Vía, dos 1.300 inscritos na absoluta. En total, correron 1.220 atletas, repartidos entre todas as categorías.

Alberto Castiñeira mantivo unha bonita pugna con Aziz Fatihi, o hispanomarroquí vencedor das dúas últimas edicións. A saída foi rápida. Despois de subir a rúa Gran Vía produciuse a primeira selección de candidatos: Alberto Castiñeira, Aziz Fatihi, Cristian Muíño (Coristanco), Amador Pena (Santiago), Manute Pérez (El Burgo), Míchel Antelo (Vimianzo) e Alberto Carou (Muros). O forte ritmo imposto, a pesar da calor nese momento (28,5 graos á sombra), deixou sós a Alberto Castiñeira e a Fatihi. Nun segundo grupo quedaron Cristian e Amador, e uns metros máis atrás, Manute e Míchel. O duelo entre os dous máximos favoritos, Fatihi e Alberto Castiñeira, estaba a ser espectacular e moi solidario. Ambos collían os aspersores de auga instalados ao longo do percorrido e no avituallamiento -houbo tres- pasábanse a auga mutuamente.

O circuíto homologado, de 10.000 metros, constou de dúas voltas a un circuíto urbano, cheo de afeccionados a pesar da calor sufocante. Na primeira volta pasaron por meta xuntos, pero uns metros máis adiante Fatihi resentiuse no seu xeonllo dereito e foille imposible seguir. O seu abandono deixou en bandexa a vitoria ao integrante do Club Tríatlon Arteixo.

Castiñeira non baixou o ritmo, pero a calor sufocante impediulle rebaixar o crono establecido por Aziz Fatihi o pasado ano en 32:27. O de Culleredo completou os 10?K en 33:52. Despois apareceu un gran Cristian Muíño para ocupar o segundo banzo.

Tamén sobresaíu Manute, co seu terceiro posto. Míchel Antelo (Vimianzo) estivo moi ben e de Amador Pena esperábase talvez algo máis, pero nun momento deixouse ir e perdeu as súas opcións de podio. Na categoría feminina, a ourensá Yolanda Gutiérrez, viña coa intención de baixar dos 35 minutos, pero o día non permitiu lucimento, aínda que si mellorou os 37:49 do ano pasado deixando o crono en 36:28. Marinela Maio (Bertamiráns) e Tina Fernández (Muros) pecharon o brillante podio.

Fonte: www.lavozdegalicia.es