Alejandro Fernández, o ourensán que gañou a carreira do San Martiño nos anos 2012 e 2013, parte como favorito este domingo para facer o triplete nunha proba que pechou a inscrición rozando os 11.000 participantes. En xaneiro tívose que operar do tendón de Aquiles e estivo oito meses sen adestrar, polo que chegará xusto de forzas.
É unha carreira especial a do próximo domingo para o compoñente do do Atletismo Ourense Alejandro Fernández. Trátase dun momento moi especial por correr en casa una das probas máis valoradas do atletismo autonómico e nacional, polo que se está preparando a lume de biqueira para poder conseguir a vitoria na San Martiño. Sería a terceira.
- Despois do calvario que pasou desde xaneiro deste ano coa operación no tendón de Aquiles, que lle tivo oito meses sen poder correr, como chega de forma para afrontar esta nova edición do San Martiño e poder facer o triplete?
- A cousa non vai mal. Adestrei ben e corrín a proba da Coruña 10, onde logrei a segunda posición, despois a de Monterrei e agora veño de gañar a dos 5 quilómetros Leyma Coruña por diante de Carlos Villamor e Víctor Riobóo. Estas tres carreiras servíronme para ver como me responde o tendón nunha situación de ritmo alto, que é o que máis preocupa. É certo que me colle nun momento que non estou a lume de biqueira, pero espero non defraudar aos meus paisanos que sempre me apoiaron.
- Unha carreira onde parte de saída como favorito o portugués Nuno Costa, que se impuxo na do ano pasado por diante súa. Na súa axenda ten a máis atletas que poden pelexar polo prezado galardón?
- O único que me preocupa é adestrar forte esta semana para afrontar unha carreira de moito prestixio. O que non cabe dúbida é que se participa o portugués, será o home para bater, pois nas carreiras populares está a demostrar ser o mellor. Pero tampouco se pode descartar ao mozo David Santos, a Carlos Villamor, a Rubén Diz, a Víctor Riobóo ou a Lolo Penas, entre outros, que estarán arriba ao final da proba. Se queres ter opcións de vitoria non te podes quedar descolgado nos primeiros quilómetros, pois o ritmo vai ser moi alto se non chove e espero que non me fallen as pernas e puiden estar nos últimos metros entre os que pelexen por gañar.
- Se alguén coñece o percorrido da proba dos 10 quilómetros é Alejandro Fernández. É un trazado que che pode favorecer para gañar?
- Son 10 quilómetros moi esixentes pois non son totalmente chairos. Ao longo do percorrido hai varios repechos, pero é un circuíto que me gusta moito e que o coñezo moi ben como ourensán que son e creo que se aguanto ben os tiróns nos primeiros dous quilómetros , podo ter moitas opcións. Gañei dúas veces esta prestixiosa proba e o ano pasado quede de segundo. Ademais vou contar co respaldo incondicional da afección ourensá e que van ter a oportunidade de ver aos mellores atletas desta especialidade e isto sempre é moi importante..
- Unha proba que de novo vai contar coa participación de máis de 10.000 atletas. Ourense é unha cidade que lle gusta o atletismo e sempre contou con bos atletas.
- A carreira do San Martiño leva moitos anos celebrándose e con gran éxito. Trátase de que todos os atletas e afeccionados poidan pasar un día fenomenal vendo un evento deportivo multitudinario, presenciando probas en todas as categorías tanto en homes como mulleres e mesmo os pitufos que gozan dun deporte moi esixente e consagrado desde hai moitos anos en todas as partes do mundo.