sábado, 19 de marzo de 2016

ALEJANDRO FERNÁNDEZ BUSCA A MÍNIMA EUROPEA NO MEDIO MARATÓN DE LISBOA (Fonte: www.lavozdegalicia.es)

Volve ser interesante a representación ourensá no fin de semana atlético, comezando por un Alejandro Fernández que volve asaltar o seu obxectivo de baixar da hora e catro minutos no medio maratón. Será en Lisboa, onde o integrante do ADAS Proinor pretende gañarse unha praza no Europeo.

Tamén se disputarán dous campionatos de España en pista cuberta, con outra atleta do conxunto valdeorrés, Ana García, en liza na pugna por coarse nas finais en Sabadell. Antequera será o outro foco do panorama estatal, con varios representantes ourensáns na localidade malagueña, intentando brillar nas súas respectivas categorías.

Doutra banda, Paula Villaverde intentará rebaixar a súa marca de 10 quilómetros no critetium nacional de marcha, aínda que os problemas físicos que padeceu nos últimos días comprometen a súa actuación en Cáceres.

Pista universitaria
Máis preto, o campus ourensán será o escenario dunha atractiva xornada vespertina, co eixo central nas disputas polos títulos autonómicos dos 10.000 metros, tanto en categoría masculina como na feminina.

A convocatoria está incluída dentro do programa do Trofeo Club Deportivo Aurum, que arrincará ás 16.00 horas cunha competición para benxamíns e alevíns, ao longo de 500 metros. Continuarán infantís e cadetes desde as 16.30 horas e nunha distancia de 1.000 metros, mentres que a previa á competición autonómica será a prevista para a disputa do título provincial dos 10 quilómetros na súa versión masculina, desde as 17.00 horas.

Xa ás 18.00 reuniranse nunha única carreira ás aspirantes ás medallas femininas do provincial e o autonómico, pechando o cartel a proba do galego masculino, a partir das 19.00 horas.