Segue manténdose o gran nivel competitivo da Carreira Popular Nocturna de Celanova, que onte volveu inscribir dous nomes moi coñecidos no seu palmarés, como son os de Alejandro Fernández e Ester Navarrete.
O atleta do Ourense rompeu pronto a disciplina do pelotón, no cal o seu inmediato perseguidor era o seu compañeiro de equipo Rubén Diz. Aínda así, Álex superara a brecha do minuto aos seis quilómetros e só tivo que conservar ata a meta, situada na cota dos 7.800 metros. Ao cabo, o antelano cedeu 1.43 sobre o gañador, sen que tampouco o inquietasen demasiado por detrás, xa que o terceiro foi Fernando Montes, a máis dun minuto de Diz.
Álex Crespo, Fran Mallo, Roberto Espiña e Fernando Pérez foron os integrantes doutro rifado grupo perseguidor, nunha proba de notable nivel.Un panorama similar ao da competición feminina, onde en todo caso a presenza de Ester Navarrete, enrolada nas filas do FC Barcelona, dificultou moito as aspiracións ao triunfo de calquera das súas competidoras. A viguesa que tamén brillou na formación valdeorresa do ADAS, marchouse pronto e só puideron seguila na distancia Vicky e Ana Belén Losada, co que de novo chegou a camiseta do Burgas ao podio.
Olalla Saborido e a árbitra Zulema González -habitual na cita na vila de San Rosendo- completaron os postos de privilexio nunha sesión que volveu reunir por centos de deportistas e afeccionados, con gran presenza de nenos de todas as idades nas carreiras das categorías inferiores, outro éxito de convocatoria para os organizadores.