Tras un tempo de descanso sen carreiras, o atletismo volve hoxe á carga. Ademais, dun xeito moi distinto, por area, e desde primeira hora da mañá. Trátase da 27.ª Carreira dás Areas Concello de Carnota, a oitava do Circuíto Correndo pola Costa da Morte, e da quinta Correndo 5 Quilómetros pola Praia de Razo.
Respecto da primeira, anotáronse 919 deportistas, o que a técnica de Deportes do Concello, María Lestón, describiu como «unha boa cifra». Na edición anterior, roldou o milleiro de inscritos. A pequena diminución pode deberse, segundo explica Lestón, ás condicións meteorolóxicas; aspecto no que a xente se fixa moito para decantarse a correr ou non.
No entanto, neste sentido, o tempo será favorable para os atletas: «Dan de máxima 22 grados, de modo que os da carreira de 10 quilómetros correrán máis frescos pola brisa do mar», explica. Ademais, como novidade, este ano os bombeiros asperxerán con auga aos participantes.
A cita arrinca a partir das 10.00 horas coa proba de 3 quilómetros e termina na Praza de Galicia.
Pola súa banda, para a pedestre de Razo, organizada polos Muditos Club Deportivo Carballo a un Paso, inscribíronse 229 deportistas. A cifra tamén baixou un pouco respecto da edición anterior. «Este ano hai moitas carreiras no mesmo día», explica Andrés Eirís, un dos organizadores. As previsións son boas: «Marea baixa e calma, sen vento», engade. A cita empezará ás 11.00 horas con saída e meta na chaira de Razo. a primeira proba é a de 5 quilómetros.
Fonte: www.lavozdegalicia.es