A presenza de parellas mixtas de nivel converten esta categoría en moi atractiva na segunda edición da Carreira Nocturna Solidaria De 2 en Dous, que terá lugar o sábado en Carballo e para a que hoxe finaliza o prazo de inscrición.
Onte superouse os 250 inscritos e entre eles destacan as parellas mixtas formadas por Vanessa Lafuente-Javier Martínez (Carballo), Eusebia Maldonado-Miguel Ángel Carreira (A Coruña), Paula Esteiro-Damián Espasandín (Vimianzo) ou Noelia Suárez-José Suárez (A Baña). Tamén figura un equipo integrado por María Portas e Santiago Muíño, que é de Valencia.
A organización, o Atletismo Carballo, espera que durante a xornada de hoxe pódese roldar o número máximo de participantes admitidos, é dicir 300 parellas. As anotacións, que son gratuítas, poderán formalizarse na pagina www.carreirasgalegas.com. Os participantes poderán achegar un litro ou un quilo de alimentos non perecedoiros, que se entregarán tanto a Cáritas Parroquial como á Cruz Vermella.
Ampla representación
Da Costa da Morte estarán representadas todas as localidades e do resto de Galicia destacan atletas da Coruña, Santiago, Lugo, Moraña (Pontevedra) ou Cervo (Lugo), así como Noia, Porto do Son, Cambre, Abegondo, Valdoviño, Santa Comba, Ordes, Aranga, A Baña ou Betanzos, entre outras localidades.
Na categoría de adultos onte estaban confirmados 135 parellas, polo que se podería chegar ás 199 da primeira edición. Nas outras categorías tamén figuran dez parellas en cadetes, 17 en infantís, 23 en alevíns e igual número en benxamíns e 41 en pitufos.
O vindeiro sábado a xornada abriraa na rúa Gran Vía, fronte ao mercado, os máis pequenos, os pitufos, que deberán percorrer 150 metros. A saída está prevista para as 19.45 horas.
A última proba é a raíña, a absoluta, e comezará ás 21.00 horas. Os participantes deberán realizar os cinco quilómetros. O circuíto urbano, o mesmo que o da pasada edición, é de 1.000 metros, polo que deberán dar cinco voltas ao mesmo.