sábado, 13 de febreiro de 2016

BAIONA ACOLLERÁ A II MILLA SOLIDARIA ANEMIA DE FANCONI (Fonte: www.valminortv.com)

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, presidiu hoxe a presentación da II Milla Solidaria Anemia de Fanconi, nun acto celebrado no Salón de Plenos no que tamén estivo presente a deputada provincial de deportes, Consuelo Besada Lores, Óscar Fernández, director técnico da Federación Galega de Atletismo, os alcaldes de Nigrán e Gondomar, Juan González e Francisco Ferreira, así como diversos concelleiros de Baiona e Gondomar.
 
Tampouco faltaron á cita familiares e nenos pertencentes á Asociación Española de Anemia de Fanconi, entidade organizadora do evento, xunto cos tres concellos da comarca, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
 
Rodal destacou que este ano “temos o orgullo de ser os anfitrións” desta “proba deportiva pero sobre todo solidaria”.
 
Belén Iglesias e Silvia Comesaña, nais de nenos que padecen a enfermidade, explicaron detalladamente aos presentes en que consiste esta doenza, sen esquecerse de lembrar a Almudena, que nos deixou hai uns meses, e que xunto co seu irmán, foi o primeiro caso de Anemia de Fanconi que se coñeceu no Val Miñor.
 
O alcalde de Nigrán, coñecedor tamén de primeira man da enfermidade, padecida polo seu fillo, destacou que o obxectivo da carreira é que “todos sexamos conscientes de que con moi pouco podemos facer cousas inmensas, doar sangue ou medula é un paso pequenísimo para calquera de nós pero que pode salvar a vida dunha persoa”.
 
A Milla Anemia de Fanconi, que se celebrará o sábado 28 de febreiro en Baiona, é un proxecto totalmente solidario, xa que a organización doará o 100% da recadación da carreira á Asociación Española Anemia de Fanconi, co fin de axudar no labor que realiza esta asociación, como dar a coñecer esta patoloxía, considerada dentro do grupo de enfermidades raras.
 
En Galicia existen cinco casos diagnosticados de Anemia de Fanconi, todos eles relacionados con familias do Val Miñor, motivo polo cal a organización seleccionou este emprazamento para a celebración da carreira.
 
Descrición da carreira
 O circuíto situarase na Avda. Julián Valverde, na travesía interior de Sabarís, cun percorrido apto para todas as categorías, desde pitufos ata veteranos. A distancia do mesmo oscilará entre os 150 metros e os 1.609 metros -unha milla-, dependendo da categoría.
 
Os dorsais serán facilitados pola organización o sábado 27 de febreiro de 16:00 a 20:00 horas na Praza de Abastos de Sabarís, e o mesmo día da carreira, a partir das 9:30 horas.
 
Milla pola integración
 Este ano, como novidade e colaborando estreitamente con varias asociacións, farase unha carreira adaptada en cadeira de rodas de 800 metros de distancia á que se denominou “Milla pola integración”, coas modalidades Cadeiras eléctricas, Cadeiras de rúa e de Atletismo. Nesta carreira poderán participar tamén persoas non discapacitadas para que poidan comprobar por si mesmos a dificultade de moverse en cadeira de rodas. Para iso deberán poñerse en contacto coa organización enviando un correo a millasolidariafanconi@gmail.com.
 
Inscricións
 Faranse a través da páxina web Carreiras Galegas e presencialmente na Piscina do Val Miñor na Ramallosa, en Deportes Athletics en Avda. Balaídos 41 e en Bikila na Avda. de Castrelos 190, ambas as dúas en Vigo, antes do mércores 24 de febreiro de 2016. 
 
As inscricións que se realicen na web Carreiras Galegas, efectuarán o pago da mesma vía online, mentres que as inscricións presenciais poderán facer o pago na Piscina do Val Miñor, en Deportes Athletics ou en Bikila no momento de realizar a inscrición.
 
Establécese unha cota de 5 euros para as categorías Promesa-Sénior e Veteranos, podendo realizar un donativo para a asociación na propia inscrición.
 
A inscrición será gratuíta para as categorías menores, desde Pitufos ata Júnior. 
 
Dorsal Solidario
 Todas aquelas persoas que queiran contribuír coa causa, pero non desexan realizar a carreira, a organización dálles a posibilidade de realizar o donativo no DORSAL 0, cuxo importe irá parar integramente á Asociación Española de Anemia de Fanconi.