O Centro de Instrución e Recreo de Benquerencia, impulsor e organizador da iniciativa, dispuxo onte na praia de Fontela (Barreiros) un concorrido acto para presentar a terceira edición da Carreira Popular Benquerencia Terra Mar, que se disputará o domingo 6 de setembro. Non faltou ningún dos invitados. Baixo o arco inchable que se estreará na proba apostáronse, entre outros, o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e o xefe do Servizo Provincial de Deportes, Manolo Otero, Cadramón.
Nas carreiras terán cabida atletas de todas as idades. Nas categorías menores percorreranse distancias que van desde os 100 metros ata os 3.000 e o circuíto para os adultos será de 7.300 metros. Na web www.benquerenciaterramar.jimdo.com recóllense as distintas vías que hai para formalizar a inscrición.