Son miles os escolares que pasaron pola Carreira Pedestre Popular de Santiago, que este domingo alcanzará o seu 42.ª edición, organizada polo Grupo Correo Gallego. A cita atlética da capital de Galicia foi, ano tras ano, viveiro de historias e soños dos máis pequenos, moitos dos cales deron algunha das súas primeiras zancadas pola emblemática costa de Vite para terminar no Obradoiro.
Un deses atletas que comezaron a escribir parte da súa historia na Pedestre é Adrián Ben. O vivariense, sexto clasificado nos 800 metros do recente Mundial de Doha, protagonizou en 2015 un interesante duelo con Tariku Novales, na súa cuarta participación na Carreira. Non era a primeira vez que ambos se retaban en Santiago, pero si foi o ano no que se xogaron a vitoria nun man a man.
O paso por Vite estivo a piques de desbaratar as opcións de triunfo de Ben. "Vite é moi duro. Cando cheguei arriba de Vite dixen 'agora empeza a miña carreira'", relata Adrián Ben cando lembra o momento de maior sufrimento da edición de 2015, no que Tariku estaba a esixirlle ao máximo. "Esa foi a parte que máis sufrín. Tariku ía deixando e cando cheguei arriba de Vite vi o que me sacaba e a partir de aí empezaba a miña carreira", engade o vivariense, que competía en categoría xuvenil.
A vitoria decidiuse nos últimos metros. Tariku chegou ao Obradoiro por diante, pero o esprín de Adrián superou ao noiés na liña de meta. "Gañei eu, segundo foi Tariku e terceiro, un mozo de tríatlon, Andrés Cendán, que máis tarde o coñecín na Blume", resume Ben.
Adrián Ben
"Vite é moi duro. Esa foi a parte que máis sufrín. Tariku ía deixando. A partir de aí empezaba a miña carreira"