O Concello de Nigrán e a Sociedade Atlética Val Miñor organizan un ano máis o VI Nigrán Area de atletismo en Praia América-Lourido o 6 de agosto dende as 10:30 horas. Os interesados en correr polo areal dispoñen ata o 2 de agosto ás 20:00 horas para inscribirse a través da web www.carreirasgalegas.com ou ben na oficina de turismo de Panxón (agás adultos) ou na Piscina Mancomunada. Poderán participar cantas persoas o desexen (hai categorías dende pitufos a adultos), estean ou non federadas, e o control da carreira estará a cargo dos xuíces da Federación Galega de Atletismo. Nesta ocasión, o evento deportivo colaborará co proxecto de Unicef "Gotas para Níxer", polo que se anima aos participantes a que fagan o seu donativo.
Os circuítos discorrerán entre o Porto de Panxón e Praia América, son percorridos chairos sobre a area mollada da praia, coa marea baixa. A carreira absoluta (nados en 2000 e anos anteriores) será ás 11:30 horas cunha distancia de 6.000 metros.
10:30 Cadetes Femininos/Masculinos (2001/2002) 3.000 m
Infantís Femininos/Masculinos (2003/2004) 1.500 m
Alevíns Femininos/Masculinos (2005/2006) 1.000 m
Benxamíns Femininos/Masculinos (2007/2008) 500 m
11:30 CARREIRA ABSOLUTA (2000/anteriores) 6.000 m
Pre-benxamíns Femininos/Masculinos (2009/2010) 300 m
Pitufos Femininos/Masculinos (2011/2012) 100 m
Os dorsais e chip serán entregados polo club organizador o día anterior á proba no Pavillón de Deportes de Panxón en horario de 17:00 a 20:00 horas ou o mesmo día da proba (ata 30 minutos antes da celebración da carreira).
Outorgaranse trofeos aos tres primeiros de cada categoría tanto feminina como masculina e medalla conmemorativa do 4º ao 10º nas categorías de alevín ata cadete e a todos os pitufos, prebenxamíns e benxamíns ate fin de existencias. Premiarase ademais ao primeiro atleta feminino e masculino do Val Miñor na carreira absoluta.
Haberá avituallamento ao fin da carreira, servizo de ambulancia e duchas no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón.
Gotas para Níxer
O Concello desexa sumarse con este evento deportivo ao proxecto “Gotas para Níxer”, unha campaña de mobilización escolar en apoio do programa de supervivencia infantil que UNICEF desenvolve neste país africano. Os seus principais obxectivos son promover o acceso a auga potable e a un saneamento adecuado do 60% da poboación; erradicar a poliomielitis e eliminar o tétanos materno e neonatal; elevar ata un 40% o número de partos atendidos por persoal cualificado; e reducir o índice de desnutrición crónica infantil por baixo do 25%.
Fonte: www.valminortv.com