venres, 27 de marzo de 2015

ÁBRESE A INSCRICIÓN PARA A CARREIRA PEDESTRE BATALLA DE CACHEIRAS QUE SE CELEBRA NA RAMALLOSA O 19 DE ABRIL. (Fonte: www.concellodeteo.com)

O Concello de Teo abre a inscrición para a Carreira Pedestre Batalla de Cacheiras 2015 que este ano se celebra o domingo 19 de abril con saída e meta no CEIP A Ramallosa. Trátase dunha cita co atletismo que nos últimos anos se vén consolidando cunha alta participación en todas as categorías. Na edición do ano pasado rexistráronse máis de medio millar de atletas inscritos en todas as categorías. As persoas interesadas xa se poden anotar nas diferentes categorías premendo aquí

O prazo de solicitudes para participar nesta carreira está aberto ata as 22.00 horas do 15 de abril para todas as categorías e debe realizarse, unicamente, mediante o formulario web que aparece vinculado desde esta web municipal. 
A proba conta co control técnico da Federación Galega de Atletismo a través da Delegación de Santiago

A carreira absoluta terá un percorrido de 11 quilómetros aproximadamente e nela participarán as categorías júnior, promesa, sénior e veterano. A saída para esta proba será ás 12:10 horas. As categorías infantil, cadete e xuvenil cubrirán un circuíto de 3.500 metros. As carreiras comezarán coas categorías dos máis cativos. Os primeiros en tomar a saída serán os pitufos (nados no 2010 e posteriores) que correrán 200 metros. A continuación os prebenxamín (nados no 2008 e 2009) cubrirán 500 metros, para seguir os benxamíns (nados no 2006 e 2007) que correrán 1.000 metros e pecharán esta parte os alevíns (nados nos anos 2004 e 2005) tamén con 1.000 metros.