Os favoritos non se deixaron sorprender. A sexta edición do CorreSan, con 700 atletas, arrincou con brillantez na praza do Obradoiro coa carreira nocturna, cun percorrido de cinco quilómetros e medio pola zona vella da capital galega.
A proba foi dominada, un ano máis, polos atletas composteláns, que gozaron de principio a fin neste inicio das carreiras saudables. O CorreSan nocturno, que foi seguido por numeroso público, a pesar do frío que castigou a noite compostelá, volveu coroar nos máis alto do caixón Raquel Suárez Pedrosa e a Nimo.
Raquel Suárez gañou por cuarta vez a proba feminina. Nesta ocasión investiu un tempo de 20 minutos e 37 segundos, cunha clara vantaxe sobre Mela Penas, a segunda en cruzar a liña de meta, que parou o crono en 21 minutos e 51 segundos. A terceira posición foi para Mónica Álvarez, con 22.28. Tere Carneiro, cun tempo de 23.14, foi cuarta. Raquel Suárez, que non atopa rival nesta carreira, mellorou en case un minuto a marca da pasada edición, que establecera en 21.31, aínda que fixo un tempo algo inferior ao 20.21 da edición do 2015.
Dúas voltas
Todos os participantes, tanto na carreira masculina como na feminina, deron dúas voltas ao circuíto debuxado os organizadores. O primeiro paso pola liña de meta tamén foi liderado por Raquel Suárez, con 10.04, por diante de Mela Penas (10.50) e Mónica Álvarez (11.23).Tamén asinou o seu cuarto triunfo, aínda que non de forma consecutiva, o compostelán Nimo, que estableceu unha marca de 17 minutos e 47 segundos, tempo similar ao da pasada edición (17.51). A segunda praza foi para Miguel Penedo (17.50), que entrou por diante de Cristian Muíño, terceiro clasificado (17.53). Despois quedaron Alberto Carou (18.08), Amador Penas (18.15) e Diego Alonso (18.22), cuarto, quinto e sexto, respectivamente.
Categorías escolares
Antes da saída dos atletas da categoría absoluta, puxéronse en marcha dúas carreiras para escolares.
Os cadetes e os infantís, con 2,2 quilómetros, e os benjamines e os alevíns, cun percorrido de mil metros. Os primeiros clasificados en cada unha destas probas foron os seguintes:
Cadete masculino: Daniel Mato (6.29), 2. Enrique Quinteiro (6.30) e 3. Pablo Díaz (6.37).
Cadete feminino: 1. Antía Prieto (7.07), 2. Alejandra Domínguez (8.02) e 3. Chloé Botana (8.04).
Infantil masculino: 1. Sergio Prieto (6.33), 2. Semahegn Alonso (6.34) e 3. Brais Picón (6.47).
Infantil feminino: 1. Carol Santos (6.53), 2. Deki Matogueira (7.19) e 3. Laura Carracedo (7.20).
Benjamín masculino: 1. Alvarecho González (4.27), 2. Yeray Val (4.30) e 3. Gabriel César (4.33).
Benjamín feminino: 1. Coral Vázquez (4.25), 2. Natalia Argibay (4.34) e 3. María Estévez (4.34).
Alevín masculino: 1. Rodrigo Vázquez (3.57), 2. Pedro Seoane (4.03) e 3. Marco Mota (4.05).
Alevín feminino: 1. Ana Rosende (4.39), 2. Sabela Neira (4.43) e 3. Alicia Leis (4.51).
Na proba dos máis pequenos participaron 74 escolares. Na outra carreira das categorías inferiores, a cifra ascendeu a 85.